Primeiras letras

Juan L. Blanco Valdés BÁGOAS DE COCRODILO

CULTURA

Proa del Titanic en los astilleros donde fue construido, en Belfast -Irlanda del Norte-.
Proa del Titanic en los astilleros donde fue construido, en Belfast -Irlanda del Norte-. GEORGE GRANTHAM BAIN COLLECTION

23 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ese aforismo, tan fermoso, de sermos a nosa infancia é, ademais de fermoso, doadamente verificable e aquí está este menda para certificalo. Contaba a finada de miña nai que, sendo eu neno, cando alguén preguntaba por min, dicía ela: «Juan? Detrás dun libro andará». Que eu ía dedicarme profesionalmente á edición estaba escrito antes de nacer, gravado nun código familiar no que foron compoñendo galeradas os meus devanceiros, eu creo á mantenta, inscribindo nalgunha parte do meu ADN a máis rabiosa bibliofilia. A débeda que contraeu aquel cativo de pelo roxo e pencas cos libros de Bruguera (Quo Vadis, O Cid, A illa do tesouro, Guillerme Tell, Robinson Crusoe…, unha páxina de ilustracións por dúas de texto) nunca poderá satisfacela. Logo veu a descuberta dos innúmeros tesouros que agochaba a biblioteca do avó, un sancta sanctórum ou mausoleo de irtas esfinxes.

Disque, no talego, Charles Manson sentiuse acomplexado o día que soubo dun asasino cun currículo criminal máis avultado e sanguento que o seu. Porque, digo eu que admirar o vicio alleo remata por empequenecer o propio. Noticieime estes días das lecturas aurorais de tres senlleiros nomes das nosas letras contemporáneas, que, para alén de confirmarme no vicio compartido, son simbólicas de tempos en que España fedía a manta cuarteleira, sotanas con caspa e ouriños secos. Solicitado por un museo a enviar unha foto representativa da súa nenez, Luis Alberto de Cuenca mandou unha instantánea na que aparece, mediando os anos cincuenta, lendo Pulgarcito, o tótem dunha época máis que un tebeo. Nun artigo modélico (El depredador benévolo), retrátase un Antonio Muñoz Molina mozo, ávido lector de José Luis Martín Vigil, un estraperlista da literatura que traficou de matute cun catolicismo con acne, mechado de Kumbayás e salesianos progres. Alegroume o día, por último, a memoria que Arturo Pérez Reverte ten dunha revista paradigmática, Selecciones del Reader's Digest, da que seu pai, como o meu, era subscritor. Nun artigo tremendista de Selecciones, de título sobrecolledor, Una noche que jamás se olvidará, souben eu da traxedia do Titanic. Que recordos.

Sinto agora que as letras, as palabras, os tebeos, contos e revistas, os libros que limos cando cativos foron algoritmos deseñados para colonizaren o noso futuro.