Lourenzo Fernández Prieto reivindica «un relato máis plural e democrático do pasado»

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro FERROL / LA VOZ

CULTURA

Lourenzo Fernández Prieto, entre os académicos Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo.
Lourenzo Fernández Prieto, entre os académicos Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo. CÉSAR TOIMIL

O historiador ingresou este sábado na Real Academia Galega nun acto celebrado no teatro Jofre de Ferrol

03 jun 2023 . Actualizado a las 23:26 h.

Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa, Ribadeo, 1961) reivindica un «relato máis plural e democrático do noso pasado» e defende a memoria silenciada como fonte irrenunciable á hora de escribir a historia. O catedrático de Historia Contemporánea de Universidade de Santiago ingresou este sábado na Real Academia Galega nun acto celebrado no teatro Jofre de Ferrol, cidade na que pasou gran parte da súa infancia e da súa xuventude.

Ocupa Fernández Prieto, agora, a cadeira que quedara vacante despois do falecemento de Luz Pozo Garza, poeta á que rendeu unha sentida homenaxe. O novo académico fixo un chamamento a non esquecer xamais o sufrimento que provocou o franquismo. E no seu discurso, no que rescatou do esquecemento unha polémica desatada no ano 1977 entre Valentín Paz-Andrade e Camilo José Cela arredor da reivindicación galeguista do Estatuto de Autonomía, subliñou que «a misión da historia non é dar nin quitar razóns morais, senón contextualizar, entender o pasado e explicar, desde a distancia do presente e cos noso valores, que é o que non queremos herdar».

Na mirada do «vencedor»

O enfrontamento entre Paz Andrade e Cela, directamente vencellado, á súa vez, ás raíces republicanas do Estatuto, evidencia, en palabras de Fernández Prieto, a «fondura do noso esquecemento colectivo, alén dese repetido mantra do pacto do esquecemento da Transición». «E vén demostrar, ao mesmo tempo —sinalou, ademais, Fernández Prieto—, que «o relato do pasado sempre está dominado polo vencedor», especialmente cando «o vencedor foi verdugo».

Un cartafol de Álvarez Blázquez

O lance entre Paz-Andrade e Camilo José Cela, do que Fernández Prieto tivo coñecemento a través do contido dun cartafol no que Darío Álvarez Blázquez reunira os recortes de presa da época que dan testemuño dese episodio, xurdiu, no 77, ás portas da celebración da Asamblea de Parlamentarios de Galicia (27 deputados e 18 senadores, naquel momento da Transición). E estalou cando Valentín Paz-Andrade, que era senador electo, comentou que algúns dos senadores cos que a Casa Real establecera contacto para designalos directamente como tales, preferiran someterse á elección popular, polos cauces democráticos.

Un comentario, aquel, que, como lembrou Fernández Prieto, alporizou a Cela —senador por designación real—, quen chegou a afirmar que Paz-Andrade pertencía á «prehistoria política de Galicia» e chegaba a cualificalo de «pescadero mayor del Régimen».

Un ataque persoal de especial dureza que, en opinión de Lourenzo Fernández Prieto, buscaba un obxectivo moi claro: discutir a lexitimidade de Paz-Andrade, que encarnaba a memoria da República.

Cortar o paso

«O balance político deste episodio —concluíu Fernández Prieto no Jofre— é que lle cortaron o paso a Valentín Paz-Andrade», de quen destacou a «súa lexitimidade galeguista, republicana e antifranquista». «E quen sabe se tamén» (lle cortaron), engadiu, «a aspiración, que moitos abeiraban, de que fose presidente do primeiro organismo da Autonomía de Galicia, que se estaba a fraguar neses días como Xunta preautonómica».

Emotivo tributo aos seus pais e aos seus mestres

O discurso de benvida a Lourenzo Fernández Prieto correu a cargo do director da sección de historia da RAG, Ramón Villares, quen dixo que o novo académico «pertence á xeración que chegou á universidade a finais dos anos setenta» e que, «no canto de pescudar sobre a súa identidade individual e labrar un rápido cursus honurum», optou por un camiño ben distinto: por «unha laboría colectiva capaz de soerguer a cultura e a ciencia de Galicia».

«Con esta incorporación —dixo Ramón Villares— refórzase a potencia intelectual da Academia como ente colectivo e, de forma especial, o coñecemento do tecido histórico de Galicia, nomeadamente nos tempos máis contemporáneos».

Fernández Prieto, que fixo a súa entrada no teatro acompañado por dúas académicas, María López Sández e María Dolores Sánchez Palomino, lembrou no Jofre, conmovido, os seus anos de formación, tan vencellados, case todos eles a Ferrolterra.

«Lembro que empezamos a usar o galego nas aulas de primeiro de BUP, no curso 1975-1976. Unha presada de nós —recordou o novo académico—, coa compracencia de profesores que logo serían amigos como Guillermo Llorca, Xosé Manuel Pose Mesura, Edilmiro Gil ou Luis Aneiros».

«Aquela mocidade...»

«En segundo de BUP —lembrou— xa celebramos o Día das Letras Galegas, dedicado a Antón Vilar Ponte. Aquela mocidade profesoral —engadiu o novo académico— encargábase de todo... e permitíanos moito».

A acta de elección de Lourenzo Fernández Prieto para o seu ingreso na RAG foi lida, con toda solemnidade, pola secretaria da institución, a poeta e cineasta Margarita Ledo Andión. O teatro estaba cheo: personalidades de todos os ámbitos da cultura galega se deron cita en Ferrol para saudar a chegada á RAG do historiador, que en diferentes momentos tivo palabras de emotiva gratitude para a súa familia, e moi especialmente para os seus pais.

O acto culminou coa benvida do presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, que salientou o importante que é para a Academia incorporar a Fernández Prieto.