Tormentas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Imaxe de arquivo dunha tormenta eléctrica.
Imaxe de arquivo dunha tormenta eléctrica. PACO RODRÍGUEZ

14 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días espertei de madrugada co estrondo dun trono. Non me gustan demasiado as tormentas, sobre todo se andan preto. Lembro moi ben todas as historias que teño escoitado de neno. Neste caso, estaba pasando case que por riba de nós ata o punto de que nun momento deste proceso saltou o diferencial cun lóstrego e ata tremeron os cristais da casa co estrépito. Nestes momentos sempre lembro á miña avoa Felicidad, os seus rezos cando tronaba na aldea que a min aínda me aguzaban máis o medo. Como diría ela, só te lembras de Santa Bárbara cando trona e a esa Santa era á que ela lle rezaba devota e repetidamente esta ladaíña: «Santa Bárbara bendita, que no ceo estás escrita, garda o pan, garda o viño, garda a xente do camiño», e continuaba con todos os rogos para que a tormenta cesase. E nalgún momento paraba, claro está!

E aí chegaban as historias que ían dende a morte de animais polo impacto dos lóstregos ou de como un deses raios entrara na nosa casa percorréndoa ata saír igual que entrou sendo ela testemuña do feito. Para min era un choque escoitar aquelas cousas nun tempo no que en Niñodaguia, Xunqueira de Espadanedo (Ourense), a luz eléctrica era aínda algo precario, os contos de lareira eran o único entretemento nocturno e eu era un neno de cidade que só ía alí ocasionalmente.

En calquera caso, as tormentas son un auténtico espectáculo da natureza. Fenómenos que na noite resultan tan arrepiantes como fascinantes e dignos de ver, pero, como xa dixen, a certa distancia. Estes días e debido á incidencia desta tormenta asociada co ciclón Óscar dicían que na comarca da Coruña, onde vivo, rexistráronse en dúas horas arredor de 200 lóstregos e un deses co seu estouro foi o que me espertou, e creo que non fun o único. Despois seguín observando e ata cheguei a gravar co móbil dende a fiestra da casa algún deles caendo ben pretiño da praia de Barrañán en Arteixo. Tamén escoitei nalgún medio de comunicación que no pasado 2022 rexistráranse en Galicia máis de 25.000 lóstregos superando en arredor dun 20 % os rexistrados no 2021. Din que debido aos desaxustes climáticos que padecemos isto irá medrando ano tras ano polo que igual nos imos ter que lembrar de Santa Bárbara algo máis do que nos gustaría.