Aínda estamos no ano literario Francisco Fernández del Riego, e cónstame que se preparan, para os próximos meses, algunhas importantes publicacións, nomeadamente no eido dos epistolarios. Eu acabo de ler as cartas que se escribiron don Ramón Otero Pedrayo e don Francisco entre 1934 e 1975, transcritas e anotadas por Patricia Arias, e que editará, cun prólogo meu, a RAG. Tal epistolario é unha fonte documental caudalosa sobre capítulos esenciais na vida dos correspondentes (et non solum): os anos heroicos da editorial Galaxia, o impacto da morte de Castelao, o significado da cátedra de Xeografía da Universidade de Santiago, gañada, en memorable oposición, por don Ramón, en 1950, aos 62 anos; a relación do Patriarca cos nenos da guerra que acababan de abrazar a causa da galeguidade (Ramón Lugrís, Mourullo...), etc.
Decenas e decenas destas cartas están atravesadas pola fonda e fraterna amizade que uniu durante décadas os dous escritores. Don Ramón chega a chamarlle, sen retórica, a Del Riego, «benquerido e admirado mestre», e páxinas hai, referidas á editorial Galaxia, nas que estampa palabras como estas: «¡Que sería de nós sin vostede!» (14?1?62). Sempre sentía señardades por el. En Trasalba e noutros lugares don Ramón e don Francisco, de inmensa vitalidade, protagonizaron xantares épicos, algún cantado en versos rabelesianos polo propio don Ramón.
Pois ben, un día, o 21 de agosto de 1969, don Ramón Otero, xa cumpridos os 81 anos, escríbelle ao vello amigo e «irmán» unha carta insólita, tan insólita que só un psicólogo como Santiago Lamas será quen de descifrar. Reparemos nestas liñas: «Que apareciendo inmediatos el dolor, asco y cansancio, miedo y desesperanza de la vejez, porque ya he traspuesto el cabo de los 80 y aun los ululantes arrecifes de los 81, he andado entre el suicidio —sin énfasis— y la búsqueda, por la mínima alimentación, de una muerte que tenga las exteriores apariencias de ser natural».
Tamén é insólita a carta pola lingua que emprega, o castelán. Outro misterio deste texto escrito por quen foi, durante toda a súa vida, católico esencial e fervoroso.