![A mostra, inaugurada este mércores na Igrexa da USC, poderá verse ata finais de xullo.](https://img.lavdg.com/sc/nLqmkr3j4pKGFEDnH3EZpnEd1Bw=/480x/2023/06/21/00121687364161908328628/Foto/S21J3040.jpg)
A mostra recrea con escenas as imaxes tomadas hai un século en Galicia
24 jun 2023 . Actualizado a las 20:57 h.Traspasar a barreira do tempo e mergullarse nunha feira galega de hai un século ou nunha taberna, entrar no momento no que vestían á noiva para un casamento... Ese é o obxectivo da mostra Fragmentos de onte, que parte de fotografías tomadas pola estadounidense Ruth Matilda Anderson nos anos 1924 e 1926 durante as súas expedicións a Galicia para transformalas en escenas reproducindo os detalles do vestiario ademais doutros elementos. A exposición, que está impulsada polas Bodegas Martín Códax, foi inaugurada onte na Igrexa da Universidade de Santiago, onde poderá visitarse ata o 29 de xullo.
A mostra recolle unha escolma de máis de sesenta traxes, «que son réplicas fidedignas que cobran vida con todos os detalles das fotos», resalta José Luis Rodríguez, que comisaría o proxecto xunto a David Quiñones, ambos membros da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, que se encargou do traballo de investigación para reproducir o que viu Ruth Matilda Anderson.
A exposición está dividida en dous eixos. Un centrado nas escenas no exterior que observaba a fotógrafa americana. Nese apartado atópanse as reproducións de escenas de redeiras, das leiteiras de Santiago, dunha romaría, de varios mercados ao longo de Galicia... O outro apartado pon o foco no que Ruth Matilda Anderson logrou que lle ensinaran e que estaba agochado no interior dos fogares como son eses traxes moitas veces máis antigos. Para reproducir a vestimenta contaron con material de Paquistán, sedas de Estados Unidos, tecidos de liño de Lituania... Para un dos mantelos pasaron máis de tres anos e medio cosendo 28.5000 cristais.
Tanto o presidente de Martín Códax, Xoán Antonio Allegue, como a vicerreitora de Cultura da USC, Pilar Murias, e a alcaldesa, Goretti Sanmartín, fixeron fincapé na imaxe da muller que traslada esta mostra.