Rosalía e Luz Pozo en xaponés

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

Luz Pozo Garza, cun libro sobre Rosalía de Castro.
Luz Pozo Garza, cun libro sobre Rosalía de Castro. CÉSAR QUIAN

27 jun 2024 . Actualizado a las 14:07 h.

Hai días, Shozo Nakanishi (1947) volveu a Galicia, que visitara por primeira vez en 1985 co gallo do centenario do pasamento de Rosalía de Castro. Rosalía, para el, foi un namoro, tal como acaba de declarar nunha entrevista. E a Rosalía dedicou, desde o ano 2000, a súa condición de tradutor de poetas, tanto que verqueu ao xaponés Cantares gallegos (2000), A mi madre (2006), En las orillas del Sar (2016) e Follas novas (2022).

Shozo Nakanishi, amigo de Luz Pozo Garza, foi un devoto da súa obra, da que é embaixador en Xapón. No 2016 traduciu ao seu idioma Vida secreta de Rosalía (1996), un poemario que ilumina aspectos da vida e da obra da Cantora con máis fulgor que centos e centos de páxinas de prosa erudita dos especialistas. Nestas datas está a traducir outro libro de Luz Pozo, un volume de temática non rosaliana, Concerto de outono (1981), fermoso entre os fermosos. Neste labor, conta coa intelixente colaboración de quen coñece a fondo a obra (e a vida) da autora: a profesora Olivia Rodríguez González.

Cómpre sinalar que o señor Nakanishi non procede do eido das Humanidades literarias. Trátase dun profesional dos negocios bancarios que, antes de residir en Madrid (c. 1980), xa dialogaba coas musas e mesmo escribía poemas, algúns dos cales, traducidos, foron publicados por Luz Pozo na súa revista Nordés.

O día 14 foi recibido no Concello de Vigo polo concelleiro de cultura con Abel Losada, recepción na que o acompañaban don Francisco Estévez (amigo do tradutor e ex diplomático en Tokio) e mais eu. Na conversa falounos do éxito comercial (de certo éxito) de Follas novas en xaponés, libro co que nos agasallou.

Tamén anda por Galicia o profesor Taketaku Asaka (1952), tan comprometido coa nosa cultura literaria. Xa traduciu os dous grandes libros galegos de Rosalía e tamén obras de Ramón Cabanillas e de Novoneyra, ademais de poesía medieval (Afonso X, Martín Codax...). Sería moi ilustrativo que estes dous amantes das nosas Letras nos explicasen as razóns do éxito de textos galegos nunha cultura tan distinta e tan distante, por modesto que sexa o éxito de certos libros.