Lumaradas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Celebración de San Xoán en Carballo.
Celebración de San Xoán en Carballo. BASILIO BELLO

27 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro que cando vivía no barrio do Agra do Orzán na cidade da Coruña, os días previos ao San Xoán, a rapazada toda apañaba leña para facer as lumaradas. Cada cuadrilla, de cadanseu lugar, artellaba aquelas estruturas máis ou menos preparadas en espazos onde se podía queimar dentro da propia cidade que daquela aínda eran moitos. As lumaradas, que era como lles chamábamos, nalgúns casos eran inmensas e incluso competían unhas con outras. En todos os barrios existía esta tradición que viña de ben atrás e a veciñanza saía ás rúas a gozar desa noite de moi diferentes xeitos co lume purificador como motivo principal e as sardiñas asadas como degustación estelar, «polo San Xoán a sardiña pinga o pan». Esta noite do 23 de xuño é moi especial no calendario festivo galego e particularmente no coruñés ata o punto de que o 24 é festivo local nos últimos anos atendendo a un profundo clamor popular. Hoxe as lumaradas están centralizadas nas praias de Riazor, Orzán e Berbiriana (Matadoiro) onde nos días previos xa se comezan a parcelar os espazos para desfrutar do lume e dos ritos desa noite máxica. Teño que dicir que particularmente podo entender a decisión de trasladar todo isto aos areais da cidade pero creo que perdeu aquela esencia familiar e de clan que tiña nos barrios. Ao mesmo tempo, houbo unha importante desconexión coa ancestralidade do propio ritual semellándose máis a unha macroconcentración. Esta festa devanceira de orixe pagá está directamente asociada ao solsticio de verán e ten en Galicia unha ampla e rica nomenclatura: lumaradas, luminarias, fogueiras, cacharelas, cachelas, lumieiras ou laradas, son algunhas das denominacións que poden ter en diferentes puntos da nosa xeografía. E con esta expresión ancestral chegou ata nós, sendo unha das formas de culto ao lume máis arraigadas, onde a tradición expresa con máxima forza e simboloxía o ritual de purificación e protección contra os meigallos. Sen esquecer ritos asociados como o de bañarse no mar ou o ramo das 7 herbas máxicas que debe quedar en auga toda esa noite para lavar a cara ao día seguinte con finalidades protectoras e obviamente purificadoras. Longa vida ao San Xoán e que non se perda a tradición.