A Real Academia Galega elixe a Luísa Villalta para o Día das Letras Galegas do 2024

Mila Méndez Otero
Mila Méndez A CORUÑA

CULTURA

A Real Academia elixe a Luísa Villalta para o Día das Letras.
A Real Academia elixe a Luísa Villalta para o Día das Letras. Xosé Castro

A institución volve mirar aos mozos coa elección da poeta coruñesa «a figura que necesitamos nestre intre»

13 jul 2023 . Actualizado a las 15:34 h.

A narradora, poeta, ensaísta, filóloga e violinista Luísa Villalta Gómez (A Coruña, 1957-2004) será a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas do 2024. «Hoxe é un día feliz», destacou Ana Romaní, unha das académicas que encabezou a proposta de Villalta. Unha elección coa que a Real Academia Galega (RAG) volve a fixarse nos lectores máis novos ao decantarse por unha das figuras da xeración dos 90, como xa fixo con Lois Pereiro e Xela Arias. «Volvemos ao espírito mozo co que se construíu o discurso da cultura galega naqueles anos, a esa Galicia nova da ilusión», subliñou Víctor Freixanes, o presidente da RAG. «Luísa é unha autora plena. A paixón pola literatura moveu a súa escritura», apuntou a académica Margarita Ledo

A elevada cifra de académicos que respaldaron a opción de Villalta, incidiu Freixanes, demostra o «apoio e entusiasmo» que esperta a homenaxeada. Eles foron Chus Pato, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Margarita Ledo Andión, Manuel Rivas, María López Sández, Manuel González González, Euloxio Rodríguez Ruibal, María Dolores Sánchez Palomino e Ana Romaní. A súa proposta obtivo 14 votos fronte aos 11 da segunda candidatura que pasou á última ronda, a do cancioneiro popular, outro dos favoritos cos que RAG quería devolverlle o pulo á cultura da pé na festa do 17 de maio. Houbo, ademais, un voto en branco. 

Villalta, que faleceu de forma repentina aos 46 anos, foi unha muller da literatura, pero tamén do «teatro e da música, de enorme empatía», describiu o presidente da RAG. «Que Luísa Villalta protagonice o ano das letras 2024 cando se cumpren 20 anos do seu falecemento permitirános unha celebración entusiasmada de afectos e da literatura. Unha literatura esixente, rigorosa e xenerosa. É unha autora que imos descrubrir con múltiples posibilidades de lectura, de diálogos con outras expresións artísticas. Unha escritora que nos vai permitir pensar o presente. Algo que necesitamos con urxencia», manifestou Romaní. Unha intelectual para «facer pensar o mundo», engadiu a RAG no seu comunicado posterior ao anuncio. 

As Rosalías dos 90

Logo do éxito das Letras Galegas do 2021, as de Xela Arias, é a quenda da «poeta da Cidade Alta», da autora de títulos como As palabras ingrávidas ou Pensar é escuro. «Unha persoa que convoca pensamentos presentes e necesarios, todas as súas facianas están interconectadas coa súa posición como cidadá, como columnista e opinadora. Pensamos que estamos coa figura que necesitamos nestre intre para a literatura, para o pensamento, para a acción e para a paixón, como a da súa escrita», definiu Margarita Ledo.

A elección, acordada na mañá deste xoves no pleno ordinario, deuse a coñecer nunha das salas do pazo de María Pita, xa que o edificio da sede da RAG na cidade da Coruña tivo que ser desaloxado e agarda a que comecen as obras da súa remodelación.

A esta derradeira fase chegaron tres candidaturas. Ademais da de Villalta, estaba a do poeta Antón Tovar e a da música popular, que hoxe representan grupos como as Tanxugueiras e cuxa proposta se formalizou nas figuras das cantareiras Adolfina Casás, Rosa Casás e Florencio López, xa que a RAG require que a homenaxe sexa personalizada. 

Coa escrita exquisita da profesora de Lingua e Literatura Galegas que tivo como último destino o IES Isaac Díaz Pardo de Sada, a academia que nos dous últimos anos se decantou por autores nacidos nas dúas primeiras décadas do XX, Florencio Delgado Gurriarán e Francisco Fernández del Riego, volve tomar o pulso do presente. «Niso sempre se pensa. O mundo segue rodando, Luísa Villalta é unha figura moi atraínte para calquera tipo de persoa preocupada pola literatura e a acción na sociedade. Nos anos 90 adiántase con Papagaio, un poemario pioneiro, a moitos temas que estamos tratando hoxe, ao mundo marxinalizado e oculto. Trata as urxencias do presente. Cremos que lle vai interesar a un abano moi amplo de público», vaticina Margarita Ledo.

Tanto ela como Ana Romaní ou Marilar Aleixandre, que viu por última vez a Villalta nun recital no que coincidiron uns días antes da morte prematura da homenaxeada, non puideron ocultar a emoción de que a festa do galego vaia para unha compañeira da que foron coetáneas e que, agardan, poidan descubrir ao longo destes meses todos os que aínda non a leron.