Valle 2.0 dende o iPad de Siro López

Serxio González Souto
serxio gonzález VILANOVA / LA VOZ

CULTURA

Caricatura de Valle-Inclán.
Caricatura de Valle-Inclán. Siro

A igrexa da Pastoriza expón 50 caricaturas con cerna dixital do xenio das letras

02 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nada é sinxelo con respecto á biografía de Ramón María del Valle-Inclán. Para empezar, porque el mesmo gustaba de fabular, en ocasións con versións contraditorias, sobre os sucesos que marcaron a súa vida, como xeito de ir modelando o seu propio personaxe. Semella claro que o xenio das letras naceu o 28 de outubro de 1866 en Vilanova de Arousa, aínda que afirmar isto levantará bochas na Pobra do Caramiñal. Probablemente o seu berce estivese na Casa do Cuadrante, solar dos seus avós maternos, mais puido darse tamén na denominada casa do Cantiño. Se hai que facer caso do que durante anos se murmuraba en determinados ambientes mariñeiros, e el procurou alimentar, mesmo a bordo dunha barcaza das que en tempos comunicaban as dúas beiras da ría. O que importa, no que hoxe nos ocupa, é que o seu bautismo puido ter lugar na capela vella da Pastoriza; con precaución, claro, porque a igrexa de Cálago tamén se cita con tan alta honra. De calquera xeito, foi na Pastoriza onde onte se inaugurou unha mostra de cincuenta caricaturas nas que Siro López (Ferrol, 1943) ocúpase da figura xigante de don Ramón.

«Galicia deu escritores marabillosos, pero creo que só tres teñen a categoría de xenios universais da literatura: Rosalía, Valle e Cunqueiro», explica o debuxante que mellor caricaturizou a política galega durante décadas dende as páxinas de La Voz de Galicia. Motivación, xa que logo, había de sobra. «De feito, nunca entendín —engade— como Castelao, Maside e demais formidables debuxantes do seu tempo non fixeron ducias de caricaturas del; e cando morreu, aló foron Castelao, Asorey e Maside facerlle unha máscara mortuoria e debuxalo xa de morto, e iso que estou certo de que todos o admiraban».

Tres visións por Siro de Valle-Inclán.
Tres visións por Siro de Valle-Inclán. Siro López

Nas antípodas dos grandes mestres, a Siro non se lle ocorre un personaxe máis atractivo para afiar o seu lapis. Hai anos, doou unha primeira serie ao Museo de Valle-Inclán que funciona na Pobra. A que pode ollarse en Vilanova, que tamén posúe o seu museo, non vaia ser o demo, é outra colección ben distinta: «No momento en que David Pintor [a metade de Pinto & Chinto] me regalou un iPad, que eu nin sabía que carallo era, comprobei que podía debuxar con el e que, en dez segundos, podía enviárllelo a trinta amigos de todo o mundo». Enganchado coa potencia da tecnoloxía, o artista empregou a tableta para crear medio cento de caricaturas de Valle, que se completan con dez debuxos tradicionais, «a prumiña e papel de debuxo, que son como bosquexos de carteis das súas obras: Divinas Palabras, Los cuernos de don Friolera, Tirano Banderas... Que se note que aos oitenta anos teño o pulso dos corenta», ri o autor.

Nalgunhas delas xorde un Valle onírico, que sobrevoa o mar á noite ou le nos brazos corniformes dunha lúa crecente. Noutras, Siro imprímelle á súa figura un xiro volumétrico, por momentos case cubista. Non é difícil intuír que don Ramón ficaría satisfeito con este tratamento xeométrico, moi compatible coas esquinas afiadas do seu fero carácter.