A palabra lobo procede do termo latino lupus. Nun dos seus significados defíneo como un animal mamífero, carniceiro, semellante a un can de gran tamaño cunha cor de pelo pardo agrisado, cabeza aguzada, orellas curtas, ergueitas e con rabo longo e peludo. O canis lupus ou lobo é un animal milenario que antigamente habitaba na práctica totalidade do hemisferio norte quedando reducido o seu espazo na actualidade a unhas áreas moi minguadas nas que habitan as diferentes subespecies. Animal mitolóxico e totémico está presente en diferentes culturas do planeta representando poder, forza, nobreza, espiritualidade e ata curación. Dende a lenda histórica da antiga Roma cuxos fundadores Rómulo e Remo foron aleitados por unha loba, ao mitolóxico e monstruoso lobo Fenrir das culturas nórdicas ou dende os lobos sagrados e curandeiros das culturas indíxenas americanas ata os temibles e familiares lobishomes galaicos, a presenza do lobo é constante nas súas diferentes acepcións. En Galicia o lobo está moi presente pero tamén moi estigmatizado. Infunde medo, e os ataques que provoca ocasionalmente sobre o gando, fai que en determinados ámbitos estea considerado como un animal daniño. Mais por outra banda actúa como un gran regulador ecolóxico, xa que é predador de especies que na actualidade se están a converter nun problema invasor por falta dese equilibrio natural provocado, en parte, pola mingua de individuos desta clase. Na miña casa sempre sentín falar de lobos, e practicamente sempre con connotacións negativas, agás cando se falaba da súa intelixencia e astucia. Escoite contos arrepiantes sobre lobos e historias reais que lle sucederon aos meus avós, a familiares e a xentes de preto. Souben da historia do considerado lobishome que vivía nunha aldea non moi de lonxe á nosa e tamén do significado do chamado popularmente aire do lobo. A innumerable toponimia referida a este mítico animal é un reflexo da súa fonda pegada na cultura popular: Lobeira, Lobelle, Lobás, Fonte do lobo ou Foxo do lobo son algunhas dos innumerables testemuñas da súa presenza milenaria na nosa terra. Moitas son as locucións, cantigas, adiviñas e refráns na cultura popular galega referidos a este impoñente animal, mais eu para este texto quédome co que di en terra de lobos ouvear coma todos, moi doado de entender nestes tempos.