Camborda aspira con «O corno» á Concha de Oro de San Sebastián

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Janet Novás protagoniza «O corno».
Janet Novás protagoniza «O corno».

É a primeira vez que unha longametraxe en galego compite na sección oficial do festival de cine donostiarra

14 jul 2023 . Actualizado a las 13:16 h.

O corno, a segunda longametraxe da cineasta Jaione Camborda (San Sebastián, 1983), competirá pola Concha de Oro na sección oficial do Festival de Cine de San Sebastián. Trátase da primeira vez que unha cinta de longo formato compite neste apartado do certamen donostiarra, no que se poderá ver o filme antes da súa estrea nas salas, prevista para o 11 de outubro.

A película, rodada en galego e en portugués, preséntase coma un drama rural ambientado na Galicia da década dos 70. A bailarina Janet Novás interpreta a María, unha mariscadora da Illa de Arousa que tamén é coñecida por axudar a outras mulleres nos seus partos, labor que desempeña con especial dedicación e coidado. Un inesperado suceso obrígaa a fuxir e emprender unha perigosa viaxe na que está en xogo a súa propia supervivencia. Deste xeito, a escapada lévaa polas rutas dos contrabandistas entre Galicia e Portugal.

O corno rodouse en diversas localizacións das comarcas de Arousa e o Baixo Miño, así como o Alto Minho portugués. Ademais do debut cinematográfico de Novás, a película conta no reparto con Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes e Diego Anido, entre outros.

A directora Jaione Camborda, na rodaxe da película.
A directora Jaione Camborda, na rodaxe da película. mario llorca

Camborda leva afincada unha década en Galicia. Formouse nas escolas de cinema de Praga e Múnich. Desenvolveu curtas como Proba de axilidade, Nimbos ou Rapa das Bestas, foi guionista das longas Os fenómenos e Ons, dirixidas por Alfonso Zarauza, e debutou no formato longo con Arima, que recibiu varios premios en festivais.

O corno é unha coprodución de Esnatu Zinema, Miramemira e Elastica Films, xunto coa portuguesa Bando à Parte e a belga Bulletproof Cupid.

«O soño da sultana»
«O soño da sultana» Abano

«O soño da sultana», animación europea pasando por Ferrol

Na competición oficial de San Sebastián tamén competirá O soño da sultana, unha longametraxe de animación 2D, coproducida pola compañía ferrolá Abano, xunto coas vascas Sultana Films e Uniko, Gatoverde Producciones (Madrid) e Fabian & Fred, de Hamburgo.

A película está protagonizada por Inés, unha moza donostiarra incapaz de soñar que descobre accidentalmente o libro O soño da sultana, no que se describe o país das mulleres, un lugar onde as mulleres exercen o poder, mentres os homes están pechados na casa. Fascinada polo libro e pola súa autora, Begum Rokeya Hossain, Inés emprende unha viaxe iniciática pola India na procura das pegadas da escritora e do país das mulleres.

A película está dirixida por Isabel Herguera (San Sebastián, 1961), que traballou cun equipo de animación composto principalmente por mulleres. A cinta conta tamén con escenas coa técnica mendhi, unha especie de tatuaxe temporal, que se levaron a cabo na India cun grupo de mulleres artistas. O soño da sultana contou tamén coa participación das actrices Miren Arrieta e Mireia Gabilondo, a historiadora Mary Beard e o filósofo Paul B. Preciado.