Bieito Romero: «Nunca houbo unha música galega con tantas propostas de calidade coma hoxe»

Javier Becerra
Javier Becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Bieito Romero, á dereita, cos compoñentes de Luar na Lubre.
Bieito Romero, á dereita, cos compoñentes de Luar na Lubre.

Luar na Lubre fai unha mirada a toda súa traxectoria no seu novo traballo, «XX-Encrucillada»

14 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Luar Na Lubre. XX- Encrucillada, o traballo número 20 na discografía de Luar na Lubre, é un disco moi especial. «Quixemos facer algo conmemorativo e por iso escollemos temas que non son os máis coñecidos, pero si son significativos do noso repertorio», sinala Bieito Romero. Eses temas experimentan un novo tratamento cunha chea de colaboracións. «Participan todas ás cantantes que pasaron por Luar na Lubre e tamén Pablo Milanés», engade o músico. Todo nun formato de cedé-libro «cunha escolma de fotos, recortes de prensa e 50 ou 60 textos, que escribiu xente vinculada a nós». Hoxe sae á venda.

—A nota de prensa di que pode ser o último disco físico de Luar na Lubre. Isto é un eufemismo sobre un posible final do proxecto?

—Non, para nada. O último disco físico de Luar na Lubre? Si. O último disco de Luar na Lubre? Non. Os tempos cambian. A música xa non se merca nas tendas e hai xente que xa non ten reprodutor de cedés. Entramos noutra etapa. Pero non é a fin do grupo.

—Volve Rosa Cedrón, algo moi esperado polo público.

—Con Rosa hai boa relación. Houbo unha separación no seu momento, froito de cuestións profesionais e persoais. Pero nunca deixou de haber un fío de contacto. Nos últimos tempos estreitouse mais. Propuxémoslle que colaborase con nós e ela estaba encantadísima. Cantou integramente Canto de andar. E gravou parte de Romeiro ao lonxe con oito voces máis.

—Ese «Canto de andar» fala da vida do campo. Di que son as cousas importantes de verdade.

—Como di o refrán, a vida está feita de pequenas nadas. Ás veces damos importancia a cousas que parecen inmensas, cando a beleza e a felicidade está nas cousas pequeniñas. A canción fala diso, de ver un solpor, sentir o canto dun paxaro ou entender os olores que tes ao teu redor.

—Ten magoa de que unha peza como a que fan con Pablo Milanés non se poida recrear con el sobre un escenario?

—Este tema está feito ao comezo da elaboración do disco. Nancy, a súa parella, ten moi boa relación coa nosa manager, Maruchi. Comentoulle a posibilidade de facer, dende a nosa perspectiva, esa cantiga que el gravara no ano 2009, El largo camino de Santiago. Está dedicada a Nancy. El falaba de que estaba feita en clave de música celta, pensando en Dire Straits. Mark Knopfler utiliza moitas veces instrumentos irlandeses. Pablo dicía que o tema o facía en clave caribeña, pero pensando en Mark Knopfler e a música celta. Nós respectamos a liña melódica. Cremos que quedou moi bonita. Queríamos facer un videoclip con el e presentala con el. Pero sucedeu o que sucedeu. E non se puido levar a cabo.

—En «Romeiro ao lonxe», que é adaptación de «Scarborough Fair», hai ata nove voces. E o seu «We Are The World»?

—Efectivamente [ri]. Non o pensara, pero vai por aí. É a adaptación do tema tradicional inglés que no seu momento fixemos no ano 99, cando a nosa cantante era Rosa. Decidimos agora contar con moitas máis voces, porque entendíamos que entraba moi ben que cada cantante cantara un ou dous versos.

—Este disco ten unha mirada cara a atrás. A finais dos noventa aparece aquel bum de música tradicional no que estiveron vostedes e Carlos Núñez. Agora parece que a música galega vive outro bum. Como ve a evolución?

—Os bums son bums, unha cousa efémera que xorde nun momento determinado e logo desaparece. A música galega está chea de bums de diferente intensidade. O importante non é tanto o bum coma todo o que sucedeu neste tempo. E falo dende finais dos setenta ata a actualidade. Eu creo que a clave é que a música causou impacto social e que, actualmente, podemos dicir que nunca houbo unha música galega con tantas propostas de tan boa calidade coma a que temos hoxe. Iso é consecuencia dunha evolución e un arraigo. O bum puido ser nun momento dado con Carlos Núñez e Chieftains, nós con Mike Oldfield ou as Tanxugueiras co impacto televisivo logrado no Benidorm Fest. O que queiras. Pero detrás de todo iso hai unha base que se creou sendo teimudos e evolucionando no tempo.

—Non foi emocionante ese momento no que a xente escoitaba o número 1 dunha radiofórmula e logo a Luar Na Lubre?

—Si, pero nós estabamos aí moitos anos antes e non cambiamos para lograr iso. O que sucedeu é que houbo un grande impacto mediático cando transcendeu que Mike Oldfield fixera unha versión de O son do ar. Entón os medios miraron e descubriron: «Ah, pero isto existe!». E iso é o que lle ocorre á maioría das músicas minorizadas. Se esta música tivese a oportunidade de soar nos medios, seguramente esas radiofórmulas serían outra cosa. De quen é a culpa? En parte nosa, por non saber constituírnos e facer presión para que iso sexa así.