Filosofar en galego: «Deus sorrí e ama» (ROP)

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

O escritor Ramón Otero Pedrayo.
O escritor Ramón Otero Pedrayo. Real Academia Galega

21 jul 2023 . Actualizado a las 10:26 h.

Estamos ante outra das formulacións verbais antolóxicas do escritor Ramón Otero Pedrayo, neste caso do extraordinario epistológrafo don Ramón. Escólloa dunha carta a Fernández del Riego do 19 de febreiro de 1956. En realidade, que é o que motivou semellante formulación naquela altura? Foi un feito bibliográfico, nesas datas, sorprendente para moitos: a publicación, en lingua galega, pola editorial Galaxia, dun breve tratado filosófico do pensador alemán Martin Heidegger (1889-1976).

Tratábase da tradución dunha celebérrima conferencia, Vom Wesen der Wahrheit, verquida ao galego por Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro co título Da esencia da verdade, nunha edición cun prólogo ad hoc do propio Heidegger. Don Ramón, cando recibiu de Galaxia un exemplar do singular libriño, comunicoulle a Del Riego a súa alegría, unha alegría especial porque don Ramón, presidente da editorial, non ignoraba que o volume, desde 1952 (había catro anos), só atrancos colleitara na peneira da censura (obrigatoria) do Ministerio de Información. Por que? Había, no famoso ensaio alemán, páxinas marxistas, gabanzas á República, denuncias da emigración galega...? Obviamente, non. O que alporizaba aos censores ou aos seus xefes políticos era a estratexia intelectual de Galaxia (deseñada por Piñeiro): que o idioma galego era apto non só para o relato folclórico e o lirismo sentimental senón tamén para a expresión do pensamento científico e filosófico.

Por iso don Ramón recibe, por fin! Da esencia da verdade con estas grandiosas e novidosas palabras, só agardables dun intelectual da súa cosmovisión e das súas fondas crenzas relixiosas: «Xa teño saudado o Heidegger. Grande orgoleza prá nosa língoa o se facer óntica, luceiro ben traballado en xeometría de intuición. Deus sorrí e ama. Deus sempre ten de quentar o Ente, seu fillo. As cousas van ben» (O subliñado, meu).

Non tardará en saír do prelo esta carta, unha as máis de catrocentas que compoñen o epistolario Ramón Otero Pedrayo / Francisco Fernández del Riego, un dos máis interesantes do escritor ourensán. Editarao a Real Academia Galega.