Legado

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

O gaiteiro Manuel Dopazo.
O gaiteiro Manuel Dopazo.

25 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días fun convidado a dar unha charla sobre a miña experiencia na música dentro do programa Escolas Abertas que organiza a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. Alí dábanse cita un considerable número de persoas procedentes de diferentes centros galegos do exterior. Tratábase de obradoiros dirixidos a docentes que se forman en diferentes disciplinas da cultura galega. O grupo para o que falei estaba formado maioritariamente por persoas procedentes de diferentes lugares de América onde a emigración tivo e segue a ter un importante impacto. Xentes moi diferentes cun denominador común que é o afán de recuperar, dignificar e divulgar a nosa cultura tradicional para poñela en valor nos lugares onde viven. Pareceume extraordinario, e incluso esperanzador, ver como había tanta xente nova de fóra de Galicia tratando de manter viva a chama do noso legado cultural. Falando con eles lembrei o drama de todos os que tiveron que marchar polo mundo e a cantidade de historias de vida que hai detrás de cada persoa. Pensei especificamente nos músicos tradicionais galegos que emigraron, gaiteiros maioritariamente, e toda a información que esmorecería por non quedar recollida en ningures. Malia todo, afortunadamente aínda quedan rexistros fonográficos ben interesantes que permiten valorar o papel destes músicos que levaron a nosa música a diferentes lugares do continente americano. Por citar algúns exemplos destacaría tres de relevancia salientable. Antonio Mosquera, orixinario de Sada e emigrado en Nova York; chegou a editar dous traballos discográficos, actuou en numerosos lugares de gran prestixio como o Carnegie Hall e incluso tocou a gaita nalgunha festa privada do presidente Nixon. Castor Cachafeiro, membro dos afamados Gaiteiros de Soutelo, realizou un importante labor didáctico a prol da gaita na Irmandade Galega de Caracas. E Manuel Dopazo, orixinario de Silleda, un virtuoso da gaita convertido en mito na Arxentina do que hai algunhas gravacións. Chegou incluso a participar en varias películas con afamadas estrelas do cinema arxentino. Tres exemplos entre moitos máis dos que queda algún rexistro, a magoa é todo aquilo que se perdeu e xa non é recuperable, que foi moito.