Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Rui Chafes e Alberto Giacometti, unha conversa sobre o tempo

Brais Suárez
brais suárez LISBOA / E. LA VOZ

CULTURA

Unha vista da exposición de Giacometti e Rui Chafes na Fundación Gulbenkian.
Unha vista da exposición de Giacometti e Rui Chafes na Fundación Gulbenkian. Brais Suárez

O portugués interpreta a obra do suízo nun encontro escultórico en Lisboa

02 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O tempo, o tempo, o tempo… Como pode mudar tanto o tempo nesta pequena galería subterránea da Fundación Gulbenkian de Lisboa? Non se detén nin se acelera; non nos agarima nin nos agride. Ignóranos. Redúcenos, sinxelamente. O tempo estrúllanos entre as pezas de ferro e de cobre e de arxila, entre os teitos crus de formigón e as paredes de branco cirúrxico.

Alberto Giacometti morreu en 1966, o mesmo ano no que naceu Rui Chafes. Pero ambos son quen de sobrepoñerse ao tempo e establecer unha conversa apaixonante. É a dialéctica dos contrastes, dos seus materiais, as súas texturas, a voluptuosidade asertiva de Chafes e a magreza derretida de Giacometti. Ambos dubidan, suxiren ao espectador, convídano a quedar, tamén el, xeado coma outra escultura. En realidade, iso é o que fan: preguntar, porque entre si non falan, corrixe Chafes por teléfono: «O diálogo non existe en canto diálogo, pois un dos artistas xa non se atopa entre nós. Trátase dun encontro entre dúas obras, dous artistas, dous pensamentos, dúas visións. O tempo é o noso maior amigo», explica o escultor portugués, que recoñece que «nacín 800 anos tarde».

Refírse a Gris, Vide, Cris (gris, baleiro, berros), a exposición que toma o nome dun verso de Alberto Giacometti e que permite testemuñar un vibrante encontro entre dous artistas de dúas épocas distintas, cunha achega diferente á súa disciplina... ou, a lo menos, á súa execución. Porque nesta compilación de opostos hai un emocionantísimo entendemento, unha fermosa labor de conexión entre seres humanos. A abstracción de Chafes semella a sublimación do surrealismo de Giacometti. Conmove sentir até que punto Chafes se evade do tempo e de si mesmo e interioriza o máis doloroso, o máis puro e verdadeiro da obra do suízo.

«Esta exposición é o resultado de varios anos de traballo, dende o 2016, que pensamos a obra de Giacometti en relación coa miña. Ou viceversa», explica Chafes. «Eu nunca crin que a Fondation Giacometti fose aceptar, mais ao final gustoulles moito o proxecto, aceptaron e apoiaron en todo», lembra. «O primeiro momento foi no 2018, en París, e agora chega esta continuación en Lisboa, cunha exposición moito maior en espazo e número de obras. Sinto que o resultado é extremadamente rigoroso, ben pensado, tamén xunto ao arquitecto José Neves, que creou un espazo revelador para este encontro».

Nese proceso de entendemento, Chafes sinala as obvias diferenzas formais, pero tamén destaca a relación que ambos artistas teñen «co tempo, co pasado, coa memoria, todas as imaxes que xa foran construídas e erradas, asumindo o baleiro e a imposibilidade».

E velaí a catarse: o espectador entregado á obra, reducido á súa insignificancia, sucumbindo á verdade que agochan estas pezas. Unha verdade milenaria que, malia o desacougo, reconcilia o visitante consigo mesmo. Non se trata do poder subxugante da beleza ou un concepto inatinxible; é, porén, a forza dunha realidade fondamente humana, da que formamos parte e coa que nos avimos entre estas pezas. O tempo coma entendemento e de aceptación. Pero non sen limitacións: «Só espero que a Giacometti lle gustase o resultado, pero nunca o saberei», laméntase Chafes.