
O escritor monfortino foi un xeneroso e incansable activista da lingua e do asociacionismo cultural
17 ago 2023 . Actualizado a las 21:59 h.«O meu interese pola cultura galega é profundo, e sempre hai que tratar de aprender máis, porque canto máis se estude máis interesante se encontra [...] Son un aprendiz da cultura galega». As palabras pronunciábaas hai máis dun decenio Xoán Xosé Fernández Abella (Monforte, 1933), poeta e mestre —nado en Monforte o 11 de setembro de 1933— que faleceu este xoves en Santiago aos 89 anos.
Fernández Abella, que tiña como referentes a Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Castelao, é autor de libros como Poemas galegos (1976) —«Cantar á terra é o mellor que se podía facer», apuntaba o autor hai uns anos—, Escolma de poemas (Edicións do Castro, 1987), Poemas estradenses e catorce poemas máis (Edicións Fervenza, 2005) e Poemas de amor, loanza e outros (Follas Novas, 2011), ademais de participar en numerosas obras colectivas. O seu Canto á terra foi musicado por Domingo Martínez Vieito. Á súa obra como autor, Fernández Abella tamén lle une a participación en recitais, así como a implicación en diferentes entidades, como a Fundación Castelao, o Museo do Pobo Galego, a Asociación Teenses pola Igualdade e a Asociación de Amigos de Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, entre outras. Entre 1989 e 1991 foi membro do comité organizador da Universidade Popular de Ortigueira.
Tamén formaba parte da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, que onte lamentaba o pasamento do poeta. «Desenvolveu o seu traballo creativo dunha maneira silenciosa e profunda, sempre entrañábel no seu vínculo co devir colectivo da nosa literatura e da asociación con afecto e cercanía», publicaban desde o colectivo de autores galegos. Foron numerosas as mostras de pesar, entre elas, desde Teo, onde residiu os últimos anos, así como desde Ortigueira.
O mundo da cultura expresou un fondo pesar polo pasamento deste mestre e home comprometido co galeguismo, en cuxos ambientes era moi querido. A Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago, á que pertencía, quixo manifestar as súas condolencias á familia e achegados. E lembraba a presentación do seu libro Loanzas sentidas e outros poemas no ano 2018 na Facultade de Filosofía nun concorrido acto ao que acudiron persoas da relevancia de Andrés Torres Queiruga, Tareixa Navaza ou Cándido Pazó. Prologada por Xesús Alonso Montero e editada pola Libraría Follas Novas, a obra dedica pezas a figuras como Díaz-Pardo, Neira Vilas e Carballo Calero. Abella pensaba presentar en setembro un novo poemario.
O funeral celebrarase este venres na igrexa parroquial dos Tilos (Teo) ás 12:30 horas. Posteriormente será soterrado no cemiterio municipal de Ortigueira.