Aturuxos proféticos de Del Riego

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

Del Riego e Luís Seoane, en Bos Aires en 1954.
Del Riego e Luís Seoane, en Bos Aires en 1954.

19 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Sigo entusiasmado co epistolario Luís Seoane / Francisco Fernández del Riego, que comentarei en Vilanova de Lourenzá a primeiros de setembro, e fareino polo miúdo por tratarse do diálogo entre unha poderosa voz do exilio exterior e unha moi informada voz do exilio interior. Neste artigo, debruzareime sobre tres cartas de Del Riego de 1950 e 1951, que son os anos da xestación e aparición da editorial Galaxia, aquela proeza cultural cando, en Galicia, o discurso literario en lingua galega era, practicamente, un ermo.

Na primeira carta, Del Riego informa, laconicamente, ao seu vello amigo e irmán: «Estamos trabajando intensamente para organizar la editorial Galaxia» (12-1-50). Na segunda, once meses despois, xa lle concreta, e fálalle da serie de cadernos, catro ao ano, que van definir a editorial nun comezo: os cadernos Grial (ensaios, crítica...), insólitos nas nosas Letras. É na terceira (6-12-50) onde lle aclara: «Hace falta obra de creación, obra universal y de nuestro tiempo... y si no surgen obstáculos, tengo la seguridad de que se hará una labor literaria interesante». A primeiros de 1951 faille saber que xa están na censura os orixinais do primeiro caderno, que contén, entre outros textos, «dos ensayos largos de unas 30 páginas» e que o primeiro se titula Siñificado metafísico da saudade. Notas pra unha filosofía galaico-portuguesa, traballo de Ramón Piñeiro, «importantísimo, completamente nuevo, que dará mucho que hablar».

E así foi, pois os lectores de literatura galega agradeceron que o idioma do país, lonxe da lírica sentimentaloide e do relato ruralista e folclórico, ousase transitar polos xéneros nobres do pensamento e da filosofía. O que acontece é que un falanxista con mando en praza, Juan Aparicio, advertiu o feito (a xogada) e a fins de ano prohibiu a edición dos cadernos Grial onde escribía «un pedantón con faltas de ortografía en la pluma y en el alma».

Del Riego, que non era santo nin bruxo (como se di no Ribeiro), leu ben o futuro: Galaxia foi importante, e o inaugural ensaio de Ramón Piñeiro foi recibido como unha novidade e deu moito que falar.