Con Alexandre Bóveda

CULTURA

Alexandre Bóveda, nunha charla en Vigo en 1935.
Alexandre Bóveda, nunha charla en Vigo en 1935.

25 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai 87 anos foi fusilado Alexandre Bóveda na Caeira (Poio, Pontevedra), despois dun xuízo caracterizado, como outros, pola indefensión do acusado. Por iso Celso E. Ferreiro execrou ao fiscal, Ramón Rivero de Aguilar, nun soneto —críptico— de 1951. A Bóveda segáronlle a vida o 17 de agosto de 1936. Foi no mes da sega, metáfora creada por Álvaro Cunqueiro nunha conmovedora carta a don Ramón Otero Pedrayo. Este 17 de agosto, Día da Galicia Mártir, o Partido Galeguista, presidido por Francisco López Chesqui, e a Fundación Alexandre Bóveda, presidida por Amalia Bóveda Álvarez —que aínda non nacera no tráxico mes da sega—, organizaron un acto cívico no cemiterio de San Amaro (Pontevedra), no que Alexandre foi homenaxeado por David Otero, Luís G. Tosar, Chesqui, Valentín García Gómez, Miguel Ángel Santalices e Xesús Alonso Montero. Houbo palabras para outros mártires (o poeta comunista Manuel Gómez del Valle, o gobernador civil de Izquierda Republicana Francisco Pérez Carballo, o sindicalista Heraclio Botana, un rapaz vigués de 15 anos chamado Lenín Moreda...). Dalgún xeito, representaban o ideario político do Frente Popular, tan asañadamente perseguido desde as terribles consignas do xeneral Mola. Nese día, había que honrar, con Bóveda, a todos os represaliados republicanos.

Tamén se leron versos de Luís Seoane, autor do primeiro epicedio a Bóveda, publicado en Bos Aires en decembro de 1936. Un cento de persoas aplaudiron esta estrofa: «Campesinos, marineros, esclavos, / han asesinado la esperanza de vuestra liberación. / Él era el virtuoso, el entregado, / el dirigente, el organizador, / él era el cálido manejador de números, / el que os daba la conciencia económica de vuestra represión». Non foi menos conmovedora a carta que Bóveda lle escribira ao seu irmán Vicente na madrugada do mesmo 17: «Eu morro tranquilo; confío en que serei recibido onde todos queremos xuntarnos e fágoo con ledicia e confiando en Deus este sacrificio. Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República, e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debemos perdoar) condéname».