A gaita é un dos instrumentos máis antigos e arraigados da nosa tradición. Esta afirmación é unha certeza incuestionable. Só hai que fixarse na cantidade de escolas e asociacións nas que se dan aulas deste instrumento e a súa implantación popular en todo tipo de actos ao longo e ancho do país. Que a súa orixe incerta pérdese secularmente no tempo tamén é outra verdade. Ninguén sabe con exactitude cales son as súas orixes nin quen a introduciu en Galicia, tampouco en que momento da historia. Que é un dos instrumentos tradicionais máis populares de Europa con todas as súas abundantes e distintas variantes tamén é certo. En practicamente todos os países europeos, tanto no leste coma no oeste do continente, hai un ou varios tipos de gaita coas súas características e peculiaridades propias e diferenciais. Que na península Ibérica non só se toca en Galicia senón que tamén en Asturias, Aragón, Cantabria, León, Cataluña, Illas Baleares ou Portugal é algo que pouca xente coñece mais é unha realidade. Mesmamente algunhas teñen unha historiografía fascinante, aínda que a súa popularidade se fose diluíndo co paso do tempo, como pode ser o caso da gaita aragonesa. Que onde máis arraigo adquiriu, pese a que probablemente non teña esa orixe, foi nos chamados países célticos é outra verdade. Escocia, Irlanda e Bretaña xunto con Galicia e Asturias son países recoñecidos como célticos, con gaitas de características morfolóxicas comúns e cunha grande implantación e recoñecemento popular, mais non se pode afirmar con rotundidade que as gaitas teñan esa orixe. Que en Galicia temos a día de hoxe probablemente o maior número de gaiteiros de todo o mundo é un dato bastante confiable. Aínda que polo cinema a máis popular sexa a escocesa, estímase que en número de gaiteiros nós superámolos. Outra cousa diferente é a expansión da gaita escocesa polo mundo xa que tamén se toca moito en USA, Paquistán, India ou Australia. O certo é que temos un instrumento ancestral fondamente arraigado e medrando, capaz de facernos chorar pero tamén de facernos gozar como poucos instrumentos o conseguen. Quizais deberíamos ser máis conscientes destes patrimonios dos que somos portadores sen moitas veces darlles valor.