O falecemento da musicóloga Dorothé Schubarth, a quen a Fundación Barrié quere render tributo, fainos recordar un tempo xerminal no que, se non todo, moito estaba por facer ou, por mellor dicir, por retomar en Galicia, e unha desas cousas era o estudo científico do noso folclore. Un estudo que se tiña que acompañar da recollida sonora que os medios tecnolóxicos permitían, xa desde tempo atrás, pero que non se fixo de maneira sistemática ata que esta moza procedente de Suíza se dirixiu a unha nacente Xunta de Galicia en busca de fondos que permitisen compaxinar a súa actividade profesional de profesora de conservatorio coa recompilación no noso país das melodías. Melodías que a cativaron, como un tesouro europeo e universal, pois foi o idioma da música o que a atraeu ata facela unha galega máis.
Era a Xunta dunha autonomía que estaba por vir, pero que, «en previsión das novas perspectivas que se abren para Galicia a partir da súa organización autonómica», asinara coa Fundación Barrié un convenio de carácter xenérico no que cadraba ben ao xeito o novo proxecto, dado que a Fundación estaba interesada sobre todo e iniciativas que servisen á integración cultural e social de Galicia. A Fundación apoiaría tanto a investigación como a publicación do proxecto.
O momento era único: como contaba anos despois Dorothé, os camiños polos que andaba non se distinguía en verán se eran camiños ou corgas. Hoxe son estradas, pero tamén coa modernidade o propio illamento que protexía o patrimonio oral desapareceu.
Aínda que talvez a musicoloxía nos sexa difícil de entender aos profanos, para case todos a música, gardada para sempre na xoia que é o Cancioneiro Oral de Galicia, é algo que nos chega ao máis íntimo. Ao mesmo lugar onde sentimos o agradecemento polo agarimoso e incansable traballo de Dorothé.