Impulsan dende Ponteceso os Espazos Literarios de Galicia e Norte de Portugal

Xosé Ameixeiras
X. ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

Detalle do encontro celebrado na sede da Fundación Pondal, en O Couto, en Ponteceso.
Detalle do encontro celebrado na sede da Fundación Pondal, en O Couto, en Ponteceso. BASILIO BELLO

A plataforma estará integrada por fundacións e casas museo de escritores

11 sep 2023 . Actualizado a las 11:26 h.

Fundacións, casas museo de escritores e entidades similares traballan na creación dunha Rede de Espazos Literarios de Galicia e Norte de Portugal. A pasada fin de semana celebrouse na sede da Fundación Pondal, en O Couto (Ponteceso), un encontro no que estiveron representadas catorce entidades galegas e lusas co propósito de avanzar na colaboración e a aprobación da chamada Declaración de Celanova, onde se estableceron as bases para a organización, despois dunha reunión na Casa dos Poetas, a que foi vivenda familiar de Curros Enríquez.

Esta nova rede é froito de numerosas conversas e a asistencia a foros e encontros en Galicia e no norte de Portugal. Sempre se ten abordado «a necesidade de establecermos estratexias destinadas á xestión colaborativa das casas-museo de escritores de ámbolos dous territorios, así como a promoción conxunta do turismo cultural en xeral e do turismo literario en particular», pódese ler na Declaración de Celanova. Citan os promotores da iniciativa que en Galicia funcionan, con maior ou menor nivel de actividade, máis de trinta casas museo ou fundacións de escritores, mentres que no norte de Portugal hai unhas dúas ducias máis. Todas elas teñen como obxectivo a promoción dos autores e das súas obras literarias.

En Ponteceso estiveron presentes, entre outras, representantes das fundacións Otero Pedrayo, Carlos Casares, Uxío Novoneyra, Curros Enríquez, Castelao, Emilia Pardo Bazán e de entidades como a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, a Associaçao Cívica de Formaçao de Cultura e a Asociación Portuguesa de Turismo Sustentável.

O obxectivo é a creación dunha rede colaborativa que sexa quen de colocar en lugar de preferencia o potencial literario de ámbolos dous territorios, «non só no ámbito cultural, senón tamén no educativo, no turístico e incluso no económico e social», segundo os promotores. Como comentou Levi Leonido, da Universidade de Trás-os-Montes, hai infinidade de maneiras e soportes na actualidade para facer chegar a obra dos autores ao público. O asturiano Jaime Izquierdo Vallina, especialista en desenvolvemento rural, aposta pola creación de aldeas do futuro. «Lo universal es la aldea, pero sin paredes», dixo. E comentou que a de Galicia con Portugal é a fronteira literaria máis rica de Europa.

Antonio Piñeiro, da Fundación Curros Enríquez, avoga pola rede como fonte dinamizadora do entorno das casas de escritores, mentres que a de Uxío Novoneyra reivindica a cuantificación do que aportan os autores e o seu legado á economía e o desenvolvemento social e cultural do entorno. Sostén que hai ferramentas máis que suficientes para valorar as achegas das entidades que formarán a rede de Espazos Literarios.

Mario Mesquita Carvalho, da Asociación Portuguesa de Turismo Sustentável, argumenta que todos os novelistas e poetas falan da aldea e da cultura popular e cre que é posible provocar que outro público se interese polo legado dos autores e non só o turista cultural. É, en fin, un «desafío da imaxinación», como anotou Miguel Anxo Seixas, da Fundación Castelao.

En calquera caso, os Espazos Literarios manterán sempre «o principio da literatura como elemento definitorio de base». Agora queda poñela a andar.

14 entidades asistiron ao encontro de O Couto

En Ponteceso estiveron presentes representantes das fundacións Eduardo Pondal, Otero Pedrayo, Carlos Casares, Uxío Novoneyra, Curros Enríquez, Castelao, Casa Museo Emilia Pardo Bazán, Asociación Évame Oroza, Consello da Cultura Galega, Universidade Trás-os-Montes e Alto Douro e Mundis, Associaçao Cívica de Formación e Cultura, Associaçao Portuguesa de Turismo Sustentável e Jaime Izquierdo Vallina, do Comisionado para el Reto Demográfico de Asturias. A Fundación Rosalía, cuxo representante non puido estar presente, tamén forma parte da iniciativa. O encontro tivo lugar no marco do programa Aldeas Singulares do Festiletras.