A exposición que acolle o Museo de Pontevedra amosa o universo máxico tinguido de lirismo e humor do sempre innovador artista galego de 91 anos
12 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O pintor Rafael Úbeda mostra no Museo de Pontevedra unha antoloxía da obra das tres últimas décadas co título Expresións cromáticas. Lembro que, cando vin por primeira vez, absolutamente fascinado, unha exposición de Úbeda, me fixen tres preguntas:
—Quen son eses estraños personaxes que bulen nos lenzos e nos ollan, nos observan, ás veces con ironía, como animándonos a pasar ao outro lado da tea?
—Por que e como crea Úbeda este universo máxico, con infinitos rostros que xamais se repiten; e cores vivas, en perfecta harmonía, que unhas veces evocan sinfonías tan ledas como a Marcha Radetzky, de Johann Strauss, e outras, melodías melancólicas como un nocturno de Chopin?
—De onde vén, onde nace esa creatividade inesgotable, que se mantén vizosa, malia o paso do tempo?
Empezo pola última interrogante, a de resposta máis doada. A creatividade inesgotable do pintor Rafael Úbeda vén del, nace nel; no miolo ou na alma, onde habiten a inspiración e o talento. Inútil, pois, procurarlle influencias importantes doutros artistas, porque non as hai, máis aló das portas que lle entreabriron e suxeriron novos camiños na etapa de formación dun Úbeda sempre disposto a descubrir e aprender. Pero iso é historia, biografía. O Úbeda que mostra a obra recente neste templo da arte que para el é o Museo de Pontevedra leva décadas estudándose a si mesmo, esixíndose e experimentando, en formación e evolución permanente. Calquera coincidencia que un observador atento poida atopar con algún artista innovador, aclamado no mundo da arte, non pasa de ser un xogo, un divertimento, sen maior transcendencia.
O que fai de Rafael Úbeda un artista diferente é o humor. É un pintor humorista ou un humorista que pinta. Sei que cualificar a Úbeda de «pintor humorista» pode parecer, pola equívoca consideración social das palabras «humor» e «humorista», que é desvalorizalo como artista, pero non é así. Pintores humoristas son, entre moitos outros, o Bosco, Brueghel, Goya, Solana, Chagall e tamén os expresionistas belgas Smet, Permeke, Tytgat e Van den Berghe, que Úbeda descubriu en 1961 e foron para el a revelación dun xeito de entender a pintura, que, aínda que daquela non o soubese, era tamén o seu.
Cando se trata con rigor de influencias na arte de Úbeda, cómpre citar e poñer en lugar preferente estes pintores belgas, aínda que non notemos a súa presenza nos lenzos, aínda que nos parezan distantes e distintos. Tamén Rafael Úbeda pintou durante un tempo con cores apagadas personaxes entre brétemas, pero, na procura dunha arte persoal e inconfundible, trocounas por cores ledas, e fixo máis nidia a fisionomía da súa xente, das súas criaturas.
Chaplin e Keaton
Dúas son as peculiaridades que Rafael Úbeda (A Cañiza, Pontevedra, 1932) descubriu nos pintores belgas: expresionismo lírico e humor. Humor e lirismo xeran eses personaxes que nos ollan desde o lenzo e que a min me resultan tan tenros e conmovedores coma o Charlot de Chaplin e o Cara de Pau de Buster Keaton. Respondida a primeira interrogante, queda a de por que, ou para que, crea con eles un universo máxico: créao por necesidade, porque é o mellor xeito de expresar a súa concepción da arte e a súa percepción da vida. E faino como o fai porque os medios de que dispón son o humor, o lirismo e un coñecemento inigualable do oficio de pintor.
Novos problemas, novos desafíos
Hai outra interrogante que me fixen no estudo de Rafael Úbeda, véndoo traballar nos últimos cadros: como é posible que, despois de tantas décadas de teimuda investigación, cando adquiriu tanta sabedoría que podería crear un lenzo espléndido de mediano formato cada tres ou catro días, siga formulándose novos problemas, novos desafíos para os que non ten resposta? Como é posible que se encirre en chantar no medio do lenzo de gran formato unha mancha negra, que fere os ollos, e a partir dela tentar harmonizar unha obra nova que nunca antes concibira? Esa interrogante non tiven que pensala, e respondina de contado, porque, se tivese que cualificar cunha soa palabra a personalidade artística do pintor Rafael Úbeda, diría «autenticidade». Úbeda nunca enganou a ninguén, nin se enganou a si mesmo. A mostra no Museo de Pontevedra é a obra dun pintor que, con 91 anos, segue retándose para aprender cada día un pouco máis. Ata Picasso fixo nos últimos anos pinturas e debuxos de urxencia. Rafael Úbeda, non. Úbeda segue o lema do circo e procura «o máis difícil cada día». E consígueo sempre.