Galaxia acepta a dimisión de Francisco Castro como director xeral da editorial

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Francisco Castro, nun recente acto literario.
Francisco Castro, nun recente acto literario. Ana García

O consello de administración da empresa, tras unha reunión de case catro horas, agradécelle «os servizos prestados ao longo destes últimos anos»

23 sep 2023 . Actualizado a las 05:20 h.

«En xuntanza celebrada o día 22 de setembro de 2023, o consello de administración da Editorial Galaxia aceptou a dimisión como director xeral de don Francisco Castro Veloso e agradécelle os servizos prestados ao longo destes últimos anos». Con este breve comunicado resolveu a empresa viguesa o cese do seu director editorial tras unha reunión de case catro horas na tarde-noite deste venres. Remataba así a polémica iniciada o 8 de agosto cunha entrevista ao escritor Alberto Ramos publicada na web Praza Pública e na que o autor, gañador do premio Repsol de narrativa por la súa obra Os corpos dos Romanov, criticaba duramente a xestión de Francisco Castro ao fronte da histórica editorial ao fío dun desencontro relativo á publicación da novela galardoada. A resposta nas redes sociais de Castro e o ruidoso eco viral que a polémica desatou levou ao propio Castro a presentar a dimisión do seu cargo o pasado luns por entender que a directiva de Galaxia non o respaldara fronte a estes ataques que cuestionaban —advertía— o seu traballo e o prestixio do selo.

A efectos reais, Castro deixara o seu posto ese mesmo luns, día desde o que non regresou á sede da compañía. O presidente do consello de administración de Galaxia, Antón Vidal Andión, rexeitou engadir explicación algunha a esta parca nota emitida oficialmente e só anotou que os responsables da editorial se concedían «un tempo de reflexión, que non será moito», para tomar decisións, non quixo aclarar se para buscar un substituto a Francisco Castro, para amortizar o posto... ou se todo iso se abordará a través dun novo consello de administración.

Vidal insistiu na pertinencia do silencio coa idea de non prexudicar máis a imaxe de Galaxia, un proxecto clave para a cultura galega e que pronto cumprirá 75 anos de actividade: «Os membros do consello conxurámonos para non falar», concluíu como toda argumentación para non entrar en detalles sobre o que naquela sala de reunións se debateu durante case catro horas, nin sobre se a admisión do cese se fixo por unanimidade ou con disensións.

En calquera caso, ese frío e abondo conciso «[Galaxia] agradécelle os servizos prestados ao longo destes últimos anos [a Paco Castro]» pon o ramo a catorce anos de labor dentro da editorial, primeiro como coordinador de novos proxectos, despois como editor infantil e responsable de comunicación, sempre baixo o liderado de Víctor Fernández Freixanes, ata que este marchou da dirección e el tomou o relevo á fronte do selo.

Espírito inquedo, Francisco Castro non só seguirá coa súa prolífica carreira de escritor senón que agora suma a música ao seu amplo abano creativo. Deseguido sacará ao mercado o seu primeiro disco, Agora é o tempo (Awanta Producións, 2023), cuxa data de presentación está xa fixada para o próximo 28 de outubro no teatro Salesianos de Vigo; alí tocarán Francisco Castro e a Banda dos Borges.