
Teño que recoñecer que a miña ignorancia non me permitiu saber da enorme obra de Staffan Mörling ata hai ben pouco tempo. E non é que agora saiba moito máis do que sabía anteriormente, aínda non tiven tempo para indagar o suficiente, pero, polo menos, descubrín un home ben interesante. Grazas a un amigo chegoume un relato que falaba deste intrépido sueco que veu a Galicia no outono do ano 1964, xusto cando eu estaba chegando ao mundo. Eu arribaba pola parte da Coruña e el facíao nesas mesmas datas concretamente a Bueu, nas Rías Baixas.
Staffan Mörling, profesor e antropólogo, chegou a Galicia e quedou engaiolado co navegar das nosas dornas o que motivou o inicio das súas investigacións, ata se converter nun dos grandes especialistas do tema. O caso é que el chegara a España por outros motivos ben diferentes, máis relacionados co estudo dos vellos ferrocarrís de vía estreita, mais cando descubriu esas humildes embarcacións pasaron a ser a súa grande obsesión e nelas centrou o groso do seu traballo. Despois da súa fonda investigación, Mörling chegou a afirmar que as nosas dornas eran as únicas embarcacións coa mesma estrutura que as nórdicas e que sobrevivían no sur de Europa, aínda que quizais, deberíamos incluír tamén os rabelos tradicionais do Douro.
El detallaba que o xeito de construción é moi semellante ao dos coñecidos drakkar vikingos, deseñados cun sistema chamado calime que consiste en xustapor táboas facendo que monten unhas sobre as outras. O sueco botou raíces en Galicia e casou con Xosefa Otero, unha muller de familia mariñeira orixinaria da aldea de Canexol na illa de Ons. Grazas a ela o seu achegamento á cultura galega do mar foille moito máis doado.
Reflexionando sobre estes feitos e moitos máis que habería que contar deste persoeiro, quédame o sabor agridoce de pensar que dá a sensación de que sempre semella que teñen que vir os de fóra a ensinarnos as nosas propias marabillas. Aí están exemplos como o de Ruth Mathilda Anderson, Dorothé Schubarth ou o deste gran investigador sueco que acabou sendo un galego máis. Que nunca deixen de vir xentes así.