Yolanda Castaño: «A poesía é crítica, non pode estar para confortar aos confortados»

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A poeta Yolanda Castaño é unha axitadora cultural consumada, responsable de proxectos como a Residencia Literaria 1863, que, admite, lle supuxo «un investimento brutal» para a súa economía persoal ao non contar con axudas.
A poeta Yolanda Castaño é unha axitadora cultural consumada, responsable de proxectos como a Residencia Literaria 1863, que, admite, lle supuxo «un investimento brutal» para a súa economía persoal ao non contar con axudas. Ángel Manso

Para o cuestionamento non hai mellor ferramenta que o verso, afirma, porque traballa coa palabra. A escritora acaba de recibir este xoves o Premio Nacional de Poesía 2023 pola súa obra «Materia»

05 oct 2023 . Actualizado a las 15:36 h.

Así é espertar ás seis da mañá en San Cristóbal de las Casas, México. Un «follón», confesaba este xoves vía telefónica Yolanda Castaño (Compostela, 1977), pouco despois de recibir a chamada do Ministerio de Cultura na que lle comunicaron que gañara o Premio Nacional de Poesía. A razón, o seu libro Materia, editado por Xerais no 2022, ano en que xa merecera o Premio de la Crítica de Poesía en Lengua Gallega. Cunha mada de versos —en galego, aínda que está profusamente traducida ao castelán— cruzou o océano para participar no Festival Mundial de Poesía Contemporánea de Chiapas, e agora séntese «nunha nube», medio desconcertada, «tratando de procesar», «moi emocionada». Madía leva. É que lle parece complicado acadar tal distinción, di: «É un soño feito realidade. A segunda cousa máis difícil que fixen na miña vida».

—E logo cal foi a primeira?

—Vivir da poesía. Lograr no día a día sustentarte na poesía. Iso é o máis. E o segundo lograr esa confluencia de cousas que poden acabar nun premio nacional.

—Que agarda do premio?

—Que durante un ratiño poidamos... Para vivir da poesía tes que estar creando, levantando, erixindo o teu propio espazo de traballo. Como metáfora, imaxinemos que teño que colocar adoquíns, ladrillos, poñer o cemento, recebar, separar as estancias... Crear un espazo de labor que non existía. Hai que inventar as posibilidades de traballo. Hoxe vivo de proxectos como o ciclo Poetas Di(n)versos, o Obradoiro Internacional de Tradución Poética da Illa de San Simón, a residencia literaria que levantei eu soa. Se o premio nacional serve para que ao menos durante un ano respondas a chamados e invitacións e non teñas que crear ti eses espazos de traballo, pois xa vai ser un descanso.

—E están os 30.000 euros?

—Si. Subiron o premio este ano. Diñeiro que vai ser de gran axuda despois de terme arruinado para montar a Residencia Literaria 1863 co meu capital, sen apoio económico de tipo ningún.

—Que encerra «Materia» para ter dado tantas satisfaccións?

—É un poemario no que me ispo moito. No que conecto con algo tan íntimo como os vínculos familiares, xa sexan pretéritos como proxeccións de futuro. A poesía é o terreo máis axeitado non para os dogmatismos senón para os claroscuros, as ambigüidades e certas contradicións. Todo iso amósase cheo de vulnerabilidade, e con esa vulnerabilidade me expoño ante o lector. Tamén con algunha temeridade, como a de mostrar, como adoito, esa visión cuestionadora e crítica, neste caso, sobre a institución da familia.

—Pero apunta a obra de madureza ou é a audacia coa que aborda un asunto tan complexo?

—Supoño que o segundo [ri] porque a madureza xa a acadáramos hai un tempiño; levo case trinta anos publicando poesía.

—Adoita dicir que a poesía debe ser sempre pensamento crítico. Non concibe a poesía doutro xeito?

—Non a concibo doutra maneira. A poesía non pode estar para confortar aos confortados, senón para desconfortar aos confortados e confortar aos desconfortados. Está para incomodar o estatus quo, as verdades herdadas que nos veñen de segunda man, as consignas, que se fan con palabras que é o mesmo material con que traballa a poesía... Consignas que se herdan e van pasando de man en man, e deglutímolas, e creo que é hora de que as combatamos con actitude crítica. Para o cuestionamento nada hai mellor que a poesía, que é esa linguaxe que pode reordenar as palabras doutra maneira, crear sintaxes alternativas, novas relacións entre as palabras, e mediante esas novas relacións crear novas maneiras de dicir e con iso novas formas de pensar a vida.

—Como lectora quere outra poesía?

—A lectura é algo tan dinámico, amplo, diverso, elástico que admite moitas actitudes. Ás veces precisamos unha lectura inmediata, rápida, mesmo lixeira, que nos faga pasar o rato. Iso pode acontecer, pero non me gusta que esa sexa a única posición. Gústame que haxa outras, que nos cuestionen, que tiren da nosa intelixencia, que nos propoñan retos.

—Que lle pasa á poesía galega, tan recoñecida agora fóra?

—Só está demostrando que se este recoñecemento fóra tardou en acontecer era porque o contexto histórico era máis hostil. Estase vendo que é unha poesía que non era a sucursal galega dunha metrópole, senón que nela funcionan coordenadas propias, respondendo a unha tradición secular, valiosísima. E que, non sei se pola desatención que tivo que padecer tanto tempo, se esforzou en sacar o seu mellor eu, intentar ir un paso máis alá, poñerse ao límite... E goza duns estándares de altísima calidade, enorme vangarda, ambición creativa, orixinalidade e valentía. E por fin chegan os froitos.

—Dígame que poetas galegos de hoxe hai que ler?

—A cada intre diría unha nómina distinta. Agora mesmo vou dicir que Pilar Pallarés, Olga Novo, Alba Cid e Ismael Ramos, pero tamén Chus Pato e Pepe Cáccamo.

«Nunca me convenceu esa amalgama de patria, muller, nai»

Hai na raíz do poemario de Yolanda Castaño ese xogo que é o paso de matria a mat(e)ria.

—Nunca me convenceu a amalgama de patria, muller, nai. Resúltame sospeitoso. Eu son moito máis pegada á terra. Por iso quixen introducir ese e, letra que, por certo, ten poema propio no libro. E facer así algo máis matérico ao que agarrarse. Son moitas expectativas creadas sobre esa especie de sacralización da nai sobre cuxos ombros se ergue o país, a nación. Demasiada responsabilidade. Moitos clixés.

—Quizais é un dicir por dicir?

—Coidado. Esas expectativas teñen efectos secundarios, poden estouparnos na cara. Consignas que non acaban por seren máis que profecías autocumpridas, estereotipos que nos creamos nós mesmas. Por moi glorificado que sexa, quizais acabemos cargando sobre os nosos ombreiros pensando que nos toca ese papel.

—O libro é un reconciliarse consigo mesma por non ter fillos?

—Escribín este libro pouco pasados os corenta anos, época biolóxica límite en que as mulleres temos que enfrontarnos á decisión de ser ou non ser nai. Eu sempre estivera na idea de que non ía ser nai, pero quería pasar esa páxina entoando un canto ás contradicións, ás dúbidas. E pechar ese capítulo da miña vida cunha actitude reconciliada, con dignidade, mesmo con todo o agarimo por esa filla imaxinaria que non vou ter, e a quen lle dedico varios poemas. Pero non quero divinizar unha opción, non ser nai ou ser nai. Só que a que escollín está menos visibilizada en textos e espazos de referencia, e por iso quería contribuír a visibilizala.

—Verbalizalo axuda?

—É que ademais é a ferramenta que temos quen escribimos para enfrontarnos á vida e o mundo.

—O xurado fala de «metafísica doliente». Cre que retrata o libro?

—Nalgunha das partes, si, son permeable á dor, a esa dor existencial. Outras son ben afoutas.