Con Torrente Ballester

CULTURA

14 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

É difícil explicar que Gonzalo Torrente Ballester, o mellor escritor galego de todos os tempos xunto con Valle-Inclán, Rosalía de Castro, Camilo José Cela e Álvaro Cunqueiro, estea caendo nunha sorte de esquecemento grupal que parece querer engulilo e afastalo de nós. Algo que ten algunha explicación sectaria, baseada no feito de que escribise en castelán, nun tempo en que o galego aínda seguía lonxe dunha normativización académica solvente. Porque esta foi a razón principal pola que Torrente Ballester escribiu a súa obra en castelán, despois de facer algúns intentos en galego.

Por todo isto, e porque publiquei en 1983 un libro de conversas con el, escribo agora estas liñas. Porque convén saber máis dun escritor que foi bo lector de Castelao e moi amigo de Risco e de Otero Pedrayo, autores dos que lembraba que «traducían o Ulises ó galego cando no resto España nin se enteraran da existencia de Joyce».

Estase castigando a Torrente Ballester por non ter escrito en galego? Si, porque a súa obra non é discutida, senón que está moi ben valorada polos críticos máis solventes. É o caso de Ángel Basanta, José Antonio Ponte Far, Carmen Becerra e mesmo Darío Villanueva, que acreditaron que o universo galego ten unha presenza constante e un lugar de privilexio na súa obra. Oportuno é tamén subliñar, como se ten feito, que non hai un só escritor do século XX, en galego ou en castelán, que dedicase tantas páxinas da súa produción a temas galegos. Aí está a súa obra literaria e periodística para demostralo.

Por se houbese algunha dúbida, o premio Nobel de literatura portugués José Saramago foi contundente no seu recoñecemento do escritor galego cando afirmou que «o lugar á dereita de Miguel de Cervantes Saavedra, autor do Quixote, vacante durante séculos, foi ocupado por Gonzalo Torrente Ballester, autor de La saga/fuga de JB. Terán que pasar moitos e moitos anos antes de que se volva a escribir un libro coma este». O propio Torrente era consciente de ser o escritor galego vivo que máis páxinas lle dedicara a Galicia. Unha realidade que segue vixente e que debería ser tida moi en conta.