Memoria de Valle-Inclán

CULTURA

Valle-Inclán.
Valle-Inclán. Alfonso

28 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Deixounos dito o gran Castelao que Ramón María del Valle-Inclán «é o maior artista que pariu Galicia». E durante moitos anos todos cadramos conformes con esta afirmación. Ata que, pasado un tempo, chegou o actual silencio, que non parece ter unha explicación lóxica. Porque Valle-Inclán segue a ser o grandísimo dramaturgo que, desde unha liña propia, estivo á altura de Bertolt Brecht e dos grandes autores do Teatro do Absurdo (Ionesco, Beckett e Adamov). Algo que ninguén discutiu, e que non parecía discutible antes de que chegase este tempo que semella querer borrar o propio teatro.

O gran escritor Gonzalo Torrente Ballester admiraba por riba de todo o xenio literario de Valle-Inclán, cuxa obra leu con febril entusiasmo, convencido de que só a erradicación do propio teatro podería provocar un apagón semellante. Pero o apagón foi chegando co que poderíamos chamar «a desaparición dos propios teatros». Algo impredicible que ao cabo se foi impoñendo en algunhas partes.

A admiración de Torrente Ballester e a do propio Cunqueiro acompañaron a morte de Valle-Inclán en Compostela a principios de 1936, isto é, pouco antes de que comezase a Guerra Civil en España. Mais, despois de terminar o conflito fratricida, o teatro foi recuperando algo do seu vigor, ó tempo que se convertía nun elemento crítico da situación sociopolítica. Unha etapa na que o teatro de Valle-Inclán pilotou vangardas críticas dentro e fóra de España.

Qué está pasando agora con Valle-Inclán? O peor que podía pasar, isto é, que nos desentendemos del e do seu teatro, despois do pulo crítico que dera xa durante o franquismo. A revista Primer Acto, creada por José Monleón, deu puntual conta desa recuperación. Mais, paradoxalmente, foi terminar o franquismo e comezar a esboroarse a andamiaxe crítica posta en pé. O que veu despois foi a desaparición do teatro como arma sociocultural. E nisto seguimos, sen que sexa posible anunciar unha recuperación futura. Mais debería de quedar claro que esquecer a Valle-Inclán é un delito intelectual.