Unha serie web da RAG rescata as mulleres nas Irmandades da Fala

G. N. REDACCIÓN

CULTURA

Fotografía de familia da Agrupación Republicana Feminina tomada na primeira metade dos anos trinta no consistorio de Santiago.
Fotografía de familia da Agrupación Republicana Feminina tomada na primeira metade dos anos trinta no consistorio de Santiago. RAG

A institución estrea «Irmás na Fala», 90 minutos de cine documental en catro capítulos sobre as «obreiras invisibilizadas» que abriron camiños de futuro

08 nov 2023 . Actualizado a las 16:27 h.

A Real Academia Galega estreou o primeiro capítulo da serie web que produce, Irmás na Fala, que rescata as mulleres esquecidas —«obreiras invisibilizadas»— que traballaron canda o colectivo Irmandades da Fala. Co apoio económico do Concello da Coruña, a institución trata de contribuír ao coñecemento e recoñecemento de mulleres que abriron pioneiramente camiños de futuro para todas. A entrega inaugural emitiuse este martes ás 21.00 horas na páxina academia.gal e en YouTube. Cada martes, ata o vindeiro 28 de novembro, se presentará un novo episodio. A serie poderá verse, ademais, en Nós TV e Movistar Plus.

O 18 de maio de 1916 celebrouse no local que daquela ocupaba a Real Academia Galega, na coruñesa rúa Rego da Auga, a primeira xuntanza das Irmandades da Fala. Nacía así un movemento chave que abriría un novo tempo para a defensa da lingua e de Galicia como suxeito político, e que integraban agrupacións locais espalladas por todo o país que chegaron a ter ao redor de setecentas persoas afiliadas.

As escasas fotos dos encontros amosan practicamente só facianas masculinas, e naquela xuntanza fundacional estivo unha única muller, Micaela Chao Maciñeira. Pero nas súas filas houbo moitas outras. Elas participaban nos debates políticos e loitaban polos seus dereitos como cidadás, cando aínda nin se recoñecera o voto feminino.

Margarita Ledo

A secretaria da RAG, Margarita Ledo, presentou esta proposta de cinema documental realizada por Nós TV canda a guionista, Ana Viqueira; a poeta Rosalía Fernández Rial, condutora dos catro capítulos; e o edil Gonzalo Castro. A RAG, explicou, «busca un xiro discursivo na xenealoxía do galeguismo e do nacionalismo, dende o albor da modernidade, coa visibilización da igualdade de xénero como constitutiva da nación, e facémolo singularizando determinadas mulleres que destacaron en eidos tan significativos como a independencia económica e o mecenado, o corpo, a educación ou a acción pública», subliñou.

A narración enlíñase coas biografías de Micaela Chao Maciñeira, a «irmá pioneira»; a modista María Miramontes, mecenas de proxectos como as Escolas de Insiño Galego; a mestra Elvira Bao, seguramente a primeira irmá que pronunciou mitins; Amparo López Jeán, presidenta da Agrupación Republicana Feminina da Coruña; e a nadadora Emilia Docet, a chamada Miss España galeguista, participante no Mitin das Arengas da praza da Quintana canda figuras como Castelao ou Otero Pedrayo.