Premiado en Hollywood un documental portugués sobre O Camiño de Santiago

G.N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

.

13 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O documental do xornalista portugués Pedro Gil de Vasconcelos (Porto, 1965) O nosso Caminho foi galardoado en dous festivais estadounidenses. Alzouse coa distinción á mellor curta independente nos Hollywood Gold Awards e o premio de prata como curtametraxe documental no New York Movie Awards. Suma así xa oito distincións internacionais.

O filme foi gravado integramente con smartphone e narra a peregrinación a Compostela partindo desde Vila Nova de Gaia —au que chaman o Camiño Portugués Central—, ruta de 242 quilómetros que lle dá tempo a abordar lendas, contos, tradicións, como tamén os diferentes tipos de razóns que moven a quen emprende a senda cara a capital galega.

Non é o primeiro traballo cinematográfico de Gil de Vasconcelos sobre o feito xacobeo; é máis, a película anterior, O meu Caminho, gravada igualmente co teléfono móbil, tivo unha grande acollida e fíxose recentemente tamén co seu octavo recoñecemento. Pódese dicir que O nosso Caminho é unha consecuencia natural desta cinta realizada no 2021. Se a primeira é unha perspectiva máis íntima da peregrinación, a segunda abre o foco cara os outros romeiros. Tanto O meu Caminho como O nosso Caminho acadaron no Munich New Wave Short Film Festival o premio ao mellor filme de tema relixioso.

Gil de Vasconcelos vén de publicar ademais o libro Caminhos que faço meus, un relato que parte de Oviedo, onde o rei de Asturias Alfonso II o Casto, no século IX, emprendeu andaina cara a Santiago ata o bosque de Libredón para ver a tumba do Apóstolo, fundando desta maneira o Camiño Primitivo.