O gran momento do cine galego non evita a perda de espectadores nas salas
CULTURA
Un informe do Observatorio da Cultura Galega apunta a que o sector audiovisual superou a crise sanitaria da covid-19 «en moitos dos ámbitos que o compoñen»
16 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O sector audiovisual galego vive un gran momento, en particular no terreo do cine, no que realizadores do país pasean a súa obra —feita na lingua de Rosalía, con actores e técnicos propios— por festivais internacionais de primeira liña, nos que a miúdo obteñen —alén do aplauso do público— o recoñecemento palpable dos premios. O último caso de máis renome é o filme da directora donostiarra Jaione Camborda O corno, que se alzou en setembro coa Cuncha de Ouro en San Sebastián. Porén, este episodio estelar —ao que non é allea a xeración do chamado novo cinema galego— non evitou a perda de espectadores en salas. Así o corrobora o informe O sector audiovisual en Galicia 2023 que deu a coñecer o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), e que conclúe que «os datos amosan que o audiovisual se atopa nun ciclo expansivo, con indicadores que apuntan a que se superou a crise sanitaria [da covid-19] dos anos 2020 e 2021 en moitos dos ámbitos que o compoñen».
Esta expansión sitúase nun contexto positivo xeral en España, onde o incremento de emprego foi maior. En Galicia traballan no sector 2.610 persoas, un 4,2 % do total da forza laboral xerada polo ramo no Estado. O emprego concéntrase na produción de cine e vídeo (41,2 %) e na televisión (37,1 %). O audiovisual, lembra o estudo, é un sector que tende a concentrarse xeograficamente. En España faino nas provincias de Madrid e Barcelona, mentres que en Galicia a actividade se concentra na da Coruña (64,6 % das empresas). O informe constata que o sector atravesa un período de cambios tanto nas formas de consumo como nos soportes utilizados. Se na segunda década deste século o VHS e o DVD estaban no 80 % dos fogares, o móbil centra agora a reprodución de vídeo (úsao un 84,6 % da poboación). O consumo televisivo segue a ser alto (88,9 %), pero baixou un 8 % con respecto ao 2010. Hai unha caída do consumo da televisión xeralista, que rexistra cifras máis baixas que na última década, anota a análise. En Galicia, Antena 3 e a TVG teñen as cotas de audiencia máis altas (dun 11,5 % no caso da canle galega), mentres que no conxunto de España só Antena 3 e Telecinco obtiveron máis dun 10 % de audiencia no 2022. Na televisión tamén se ve vídeo á carta a través das plataformas (Netflix, Amazon e Disney+ son as que concentran o público); no 2023, xa son un 82 % dos fogares os que dispoñen dalgunha plataforma.
Como xa se detectou noutros traballos, este estudo específico sobre o sector amosa outro cambio de comportamento: a perda de espectadores nos cines galegos. No 2022 houbo nos cines galegos 2,5 millóns de espectadores, un 40 % máis ca no 2021 e máis do dobre ca no 2020, pero lonxe dos 4,2 millóns do 2019, nunha evolución semellante á da recadación. Alén da crise sanitaria, o informe revela «algo menos de interese polo cine ca no conxunto de España, e, malia que unha razón pola que non se vai máis ás salas é o prezo da entrada, a realidade é que este apenas mudou en dez anos». Un síntoma deste declive foi o peche en xaneiro dos cines Yelmo de Los Rosales, que, segundo fontes do Observatorio Urbano da Coruña, tivo no 2002 máis dun millón de espectadores, que foi caendo ata os 52.410 no 2020.
Por outra banda, o informe do CCG subliña a notable medra na produción: hai máis empresas (un 47 % máis) e máis filmes (no 2022 sumaron 284, o dobre ca no 2013). O xénero máis popular é o documental (28 %), seguido polo drama (26 %), a comedia, a animación e o thriller (6,7 % cada un).