Nalgúns aspectos non houbo institución cultural na historia de Galicia tan fermosa e tan incitante como o Seminario de Estudos Galegos (SEG), institución que naceu, como o seu nome indica, para sementar (do latín seminare). Foi un invento de nove mozos universitarios composteláns que o 12 de outubro de 1923 viaxaron a pé á aldea de Ortoño onde vivira, de nena (dicíase), Rosalía de Castro, e alí, baixo o simbolismo da Cantora, crearon unha institución cultural tan fecunda e implicante non seus trece anos de vida que, cando se alzou a barbarie en 1936, foi decapitada. Quizais os nomes máis preclaros daquela excursión fundacional sexan os de Lois Tobío, Fermín Bouza-Brey, Xosé Filgueira Valverde e Ramón Martínez López. Había un mes que gobernaba España a Ditadura de Primo de Rivera, tan oposta ás reivindicacións culturais galegas que a revista Nós non se publicou durante dous anos (do 1 de xullo de 1923 ao 25 de xullo de 1925), pero aquela iniciativa protagonizada por uns rapaces universitarios amigos da Literatura e da Historia parece que o novo Réxime non a tomou en serio.
O Seminario foi unha institución tan gloriosa que o franquismo, en 1943, intentou reeditala co nome Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, que cómpre entender como sucesora non como herdeira do vello Seminario. De feito, as coordenadas do franquismo imposibilitaban o lume e algúns dos compromisos da institución que nacera, en 1923, á sombra dos mellores versos de Rosalía.
Quen, xa en 1978, reeditou, na letra e na música, o Seminario de Estudos Galegos foi Isaac Díaz Pardo, aquel xigante do acontecer cultural galego. A pedra inicial foi a publicación do volume Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos con colaboracións dos vellos seminaristas (Isidro Parga Pondal, Lois Tobío, Filgueira Valverde, Carballo Calero...) e dalgunhas voces novas (Francisco Díaz-Fierros, Alonso Montero, Manuel Gallego Jorreto...). Na colección Olladas no pasado, dirixida por Amancio Liñares, a Xunta acaba de publicar unha edición facsimilar cun prólogo magnífico de Alfonso Mato, autoridade na materia desde hai tempo.