Teño visto perdices en varias ocasións da miña vida, principalmente nas montañas de Ourense. Nalgunha contada ocasión, a perdiz ía seguida dunha rolada de pitos que corrían coma o vento detrás da nai que tamén facía o propio. O seu voo soe ser breve pero a correr en descampados poucos lle gañan e a verdade é que son un verdadeiro espectáculo. A perdiz é un tipo de ave estendido por todo o planeta, son da familia dos phasianidae e pertencen ao xénero das alectoris. A realidade e que nunca tiven maior interese polas perdices máis aló da fascinación que me produce velas en liberdade como me pode suceder con calquera outro ser vivo.
O caso é que hai aproximadamente tres meses, entre o lusco e o fusco, comecei a ver diariamente, nun dos tellados da casa a figura dun paxaro que non acababa de identificar debidamente pola falta de luz. Nun primeiro momento, pola forma e a postura semellábame unha pomba que se puidese desorientar mais non me cadraba que viñese todos os días. Despois discretamente fun investigando con algo de luz para ver de que se trataba exactamente ata que me dei conta de que efectivamente era unha perdiz vermella (alectoris rufa). Ademais, isto encaixaba co feito de que dun tempo a esta parte tiñámonos cruzado nos camiños da contorna da casa en varias ocasións con estas aves tan fuxidías, que verdadeiramente e por como se comportan, desapercibidas non pasan. Incluso témolo comentado coa veciñanza en mais dunha conversa.
Non hai nada de extraordinario en ver unha perdiz que seguramente sexa das que poidan ser parte dunha repoboación na zona. A súa singularidade é que dende hai meses durma no meu tellado, ao que ademais ascende logo de realizar un ritual previo de recoñecemento do territorio antes de levantar o voo. A perdiz xa case que é unha máis da familia e ata lle puxemos nome: Beatriz. Curiosamente cando eu tiña 12 anos e cursaba sexto curso de EXB nos Pais Franciscanos, escribira unha redacción que falaba das andanzas dunha perdiz de nome Beatriz coa que sacara unha moi boa nota. Corenta e sete anos despois Bea durme xustamente enriba de onde eu estou escribindo estas letras. Boa noite amiga, que as estrelas e a lúa te guíen con ben!