O mestre exhibiu o seu excelente estado intelectual nun acto no que se puxo énfase na súa prolífica carreira
08 mar 2024 . Actualizado a las 14:22 h.«Non sempre se cumpren 95 anos e, dende logo, case nunca se cumpren tan ben». Así abriu o reitor da USC, Antonio López, o acto de homenaxe a Xesús Alonso Montero, catedrático de lingua galega e unha das figuras determinantes do seu estudo, promoción e defensa. A Facultade de Filoloxía compostelá converteuse nunha ventá á súa vida, pola que se viu que a mente do profesor, ensaísta, articulista e poeta segue a pleno rendemento. «Se a saúde me acompaña estarei aquí dentro de cinco anos menos un día, sería bonito celebrar o centenario», afirmou para gañarse ao público e precisar que nesa charla futura xa ten temática: a figura do Padre Sarmiento.
Hoxe tocoulle rememorar a historia de Alfredo de la Iglesia, mestre en Pontevedra durante a ditadura de Primo de Rivera e escritor do primeiro manual sobre a historia da literatura galega. «Foi un libre pensador, quixotesco e fillo dunha figura fundamental do Rexurdimento galego», definiuno Xesús Alonso Montero, a quen agasallaron con verbas similares. «Celebramos felizmente os seus 95 anos, cheos de vida, compromiso intelectual, académico, político e ético na defensa do galego. Son 95 anos cheos de traballo e perseveranza. Hai obras como a súa que transcenden a importancia académica e convértense en referentes dunha época», afirmou o director do departamento de filoloxía galega, Francisco Cidrás, que destacou a importancia capital do seu libro Pedro Petouto, Memorias e cavilacións dun mestre subversivo, mesmo exemplar que enxalzou o decano da facultade, Elias Feijó: «É un libro fundamental do século XIX e XX. Variou para moitos de nós o modo de estar e ver o mundo».
Pero se cabe, as palabras que máis emocionaron ao homenaxeado chegaron da man da catedrática Dolores Vilavedra, quen lle agradeceu o seu traballo inxente e as súas «páxinas xa imprescindibles da historia da literatura galega». Destacou tamén o seu compromiso de «exhumar textos e voces agochados nas foxas da desmemoria: tantas palabras censuradas, violentadas, exiliadas e tantas outras insumisas, rebeldes, resistentes, que recuperou para nós, para escribir a historia do que somos».
Emocionado, Alonso Montero tomou a palabra para recoñecer con humildade que «despois o oír o que se dixo de min, realmente houbo momentos no que non me recoñecía». Tras confesar que a súa etapa coma mestre nun instituto de Lugo «foron os 16 mellores anos da miña vida», citou aos presentes para dentro de cinco anos, cando soprará un cento de candeas. Pechou o acto o músico Amancio Prada. «Profesor de profesores, caravel de caraveis», afirmou o artista cos brazos abertos antes de recuperar os versos de Mendiño e de Rosalía de Castro. Co último acorde o respectable púxose en pé. Os 95 anos cheos de vida, compromiso e loita de Xesús Alonso Montero gañáronse tódolos aplausos.