Recompilan a biografía de corenta mulleres que teceron a cultura galega

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Sandra Alonso

Unha publicación recolle aquelas figuras que quedaron máis invisibilizadas

19 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Tecín soa a miña tea». Ese verso de Rosalía de Castro serve de punto de partida para a publicación que escolma a biografía de corenta mulleres destacadas da cultura galega desde o século IX ata a actualidade. Unha obra que amosa que esa tea da autora de Follas novas tiña moitos fíos e foron moitas as que teceron neles. Ademais, os nomes que figuran son os daquelas que sufriron unha maior invisibilización ao longo da historia pese á súa achega ou carácter pioneiros.

A publicación Corenta mulleres tecendo xuntas recolle unha biografía por cada ano que ten o Consello da Cultura Galega, que edita esta obra froito dun convenio coa Deputación da Coruña. «Trátase de lembrar que a cultura galega sempre tivo mulleres, que sempre estiveron aí, aínda que moitas veces temos que rabuñar para atopalas e ver as súas pegadas», afirmou Carme Adán, coordinadora da iniciativa xunto a Montse Fajardo. Engadiu que o traballo tamén posibilita «ver con claridade os silencios que hai na cultura respecto a todo o logrado pola muller».

No limiar da publicación, Fajardo detalla que optaron «por aqueles nomes de distintas épocas e temáticas que puidesen ser máis descoñecidos ou, tamén, que ficasen inxustamente ligados á parcial etiqueta de esposas ou exesposas de». Un aspecto no que tamén incidiu na presentación a responsable de Igualdade da Deputación da Coruña, Soledad Agra. «Non son mulleres das que teñamos falado moitas veces, senón que se fai unha descuberta, xa que estaban invisibilizadas», anotou.

Nesta ollada atrás, o traballo remóntase ao século IX para lembrar o nome de Ilduara Eriz, a condesa galega do alto medievo que foi unha das principais e máis cualificadas aristócratas e nai de san Rosendo, segundo destacan. No libro réndeselle homenaxe, así mesmo, a figuras como a de Nicolasa Añón, campesiña analfabeta que chegou a ver recollidos os seus versos nun libro no século XIX —era a irmá maior de Francisco Añón, un dos precursores do Rexurdimento—; e a Emilia Calé, que nese mesmo século traballou como xornalista. Non faltan biografías de pioneiras, como a da futbolista Irene González Basanta, precursora na práctica do fútbol non só en Galicia, senón no mundo, nos anos vinte; Constanza de Castro, que en pleno século XV logrou a disolución do seu primeiro matrimonio; ou Dolores Rodeiro, tallista de imaxes relixiosas en madeira e primeira muller que obtivo unha bolsa da Deputación da Coruña, en 1881. Na escolma recóllense nomes sobranceiros xa na época máis recente, como Carme Alvariño Alejandro, que destacou polo seu feminismo e o seu compromiso no ensino da historia, e Rosalía Mera, cofundadora de Zara. «Non é o top das mulleres máis importantes de Galicia, senón 40 biografías que merecen ser coñecidas ou contadas. Sen elas, a historia sería diferente», detallou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura. A publicación tamén está dispoñible no portal da institución para descargar.