Susana Seivane: «Gravar en Aceredo foi único: hai a desolación e o deserto que teñen as mulleres maltratadas»

Maite Rodríguez Vázquez
maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Susana Seivane, nun concierto en Lalín.
Susana Seivane, nun concierto en Lalín. Cedida

A gaiteira presenta «Non é non», adianto do seu novo disco «Sete» cun vídeo ambientado na aldea asolagada

20 dic 2023 . Actualizado a las 19:46 h.

Sete, como o seu título indica, é o sétimo disco de Susana Seivane. A gaiteira galega vén de publicar este último traballo, xa dispoñible nas plataformas dixitais desde o pasado día 7, e proximamente nas tendas físicas. A presentación audiovisual do primeiro sinxelo, Non é non, amosa un escenario espectacular e desolado: a aldea asolagada de Aceredo, baixo o encoro do Lindoso, en Lobios, que emerxeu hai dous anos pola seca e pola explotación da empresa eléctrica que o xestiona. Foi nese momento, hai dous anos, cando se gravou a primeira parte deste videoclip, dirixido por Rubén Riós.

No devastado Aceredo, e tamén na ruína da Casa da Escusalla, en Lobios, aparece tocando Susana Seivane, soa, os primeiros compases de Non é non, un tema feminista que a artista galega compuxera durante o confinamento polo covid. «Falei con Rubén Riós e parecíanos unha oportunidade única gravar nun sitio tan espectacular. Alí hai devastación e desolación, que era o que quería conseguir para o videoclip. Buscaba ese deserto absoluto que teñen as mulleres maltratadas. Gravámolo hai dous anos, no último día no que se permitiu entrar a Aceredo, porque logo xa non deixaban pasar», recorda Seivane. Rubén Riós propuxo a aldea fronteiriza de Baixa Limia porque sabía que, naquela altura, o encoro estaba baixo e fixo as xestións co Concello de Lobios, que apoiou a proposta.

O vídeo conta coa colaboración de Luís Zahera, que interpreta parte do texto Lieders, de Rosalía de Castro (El álbum del Miño). «Luís ten unha voz impresionante e é un actor espectacular», comenta a autora. Esa intervención dá paso á segunda parte, na que a gaiteira aparece con toda a banda, tocando sobre un ring. Seivane racha dunha patada a esa escuridade e soidade e pasa a estar acompañada por homes na loita. «Buscamos unha ventá de esperanza. Co paso do tempo fóronse conseguindo cousas, pero hai que conseguir máis e para elo hai que loitar con unión. O feminismo, para min, non é ir contra dos homes, é buscar a igualdade, a compenetración entre uns e os outros. Os meus amigos son feministas. Loitando polo mesmo conseguimos máis cousas». Esa segunda parte do vídeo está gravada no ring da Escola de Boxeo Xesús Ferreiro Cachorro, parella de Susana Seivane, no Temple (A Coruña). Nesa loita, incide Rubén Riós, non hai guantes de boxeo, senón gaitas, guitarras e outros instrumentos.

No final aparecen Carlos Blanco, Elena Ferro ou Xosé Antonio Touriñán, entre outros, dicindo: «Non é non». «Por sorte, teño bos amigos no mundiño dos artistas. Cos que colaboran xa hai anos que nos coñecemos. É un luxo que puideran participar», concede Seivane.

Forza e rabia

As imaxes encaixan cunha música potente, chea de forza e ritmo sen pausa. «Buscabamos esa forza, esa rabia nese tema e noutros do disco. Encántame como quedou. Traballei de marabilla cos meus produtores, Fernán Mejuto e Miguel González, que é o saxofonista da banda. Miguel xa sabe o que me gusta e a conxunción con Fernán é tremenda. Sumou a electrónica, novas tecnoloxías e sintetizadores», conta a gaiteira.

Esa diferenza de tempo na gravación vese na propia imaxe da intérprete, que sae co cabelo máis curto e de cor platino nas escenas de Aceredo e máis longo e louro na segunda parte, máis actual. As dúas imaxes de Susana Seivane, considera o director, reforzan a mensaxe da música.

Non todos os temas de Sete son reivindicativos; o disco ten momentos máis tranquilos, concede Seivane. Cada un ten a súa historia, di a compositora.

O vindeiro día 28 de decembro presentarano no Teatro Colón da Coruña. Daquela, os fans poderán xa adquirir alí o disco. Seivane explica que neste traballo a maior parte son composicións propias, hai temas de Miguel González e Fernán Mejuto e tamén unha festiva versión de Ven bailar, Carmiña ou unha sentida de Lela, ademais de composicións de son contemporáneo.