«Cibercarracho», Palabra do Ano 2023

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

RAG

O neoloxismo para referirse a un ciberdelincuente acadou máis do 40 % dos votos na iniciativa promovida pola RAG e a Fundación Barrié

27 dic 2023 . Actualizado a las 11:15 h.

A Palabra do Ano 2023, segundo a votación popular promovida polo Portal das Palabras, é cibercarracho (e tamén cibercarracha). O termo é un neoloxismo de rexistro coloquial, creado a raíz do problema dos ciberataques e outros delitos informáticos, que equivale en significado a ciberdelincuente, un termo que xa figura dende hai tempo no Diccionario da Real Academia Galega, entidade que auspicia a iniciativa xunto coa Fundación Barrié. Proba da popularidade do vocábulo é que acadou máis do 40 % das votacións. A segunda voz máis apoiada foi feitiño/a, con algo máis do 30 %, seguida de biodiversidade, dereitos humanos, educación emocional e cooficialidade.

Cibercarracho fórmase a partir do prefixo ciber-, que á súa vez vén de cibernético, mais o substantivo carracho, que nomea un arácnido da orde dos ácaros do que existen varias especies e que se alimenta do sangue de mamíferos e aves, tamén denominado carracha, carraza, carrapato ou carrapata. Carracho ten, ademais, unha vella presenza no refraneiro: aí están frases como «Ano pobre e ovella fraca, todo é carrachas» ou «Gando cativeiro, de carrachos cheo». Con este xiro, forma parte da familia de palabras arredor de ciberdelito, que o Diccionario da RAG define como «Acto delitivo que se produce por medio das tecnoloxías da información e a comunicación, xeralmente Internet».

Esta é a décima edición da escolla da Palabra do Ano. En ocasións anteriores os termos vencedores na votación popular foron comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).