Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Pedro de Llano renuncia ao Premio Galicia de Arquitectura para «alertar dunha ultraxe patrimonial»

Redacción LA VOZ

CULTURA

Entorno do Castro Lupario.
Entorno do Castro Lupario. C. R.

Reclama ao Goberno galego que pare a execución dunha liña eléctrica de alta tensión que ameaza, di, a integridade do conxunto formado por Castro Lupario e a aldea de Angueira de Castro, nos concellos coruñeses de Brión e Rois

30 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O arquitecto Pedro de Llano (A Coruña, 1947) renuncia ao Premio Galicia de Arquitectura, que recolleu no Gaiás o pasado 6 de outubro, nun intento de «alertar dunha ultraxe patrimonial que se está a cometer co conxunto formado polo Castro Lupario e a aldea de Angueira de Castro» [situado nos concellos coruñeses de Brión e Rois] coa execución dunha nova liña eléctrica de alta tensión.

No acto de entrega daquela distinción, ante o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e as conselleiras de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a Infraestruturas, Ethel Vázquez, De Llano -que entende que o Goberno autónomo lle concedeu este galardón como recoñecemento a unha traxectoria profesional de cincuenta anos na que se volcou na vindicación e na protección da arquitectura popular- defendeu publicamente no seu discurso a necesidade urxente de reconsiderar o deseño do proxecto para soterrar o tendido nese tramo que afecta á integridade do espazo castrexo.

O arquitecto, subliña, obtivo alí mesmo, na réplica de Rueda, «o compromiso de analizar a situación e buscar o equilibrio entre a preservación da cultura e a necesidade de desenvolvemento», estudo para o que o arquitecto debería enviar un informe. De Llano elaborou un dosier no que incluíu un documento do Consello da Cultura advertindo dos danos que a obra causaría, e mesmo se reuniu con Ánxeles Vázquez, a quen lle expuxo «pormenorizadamente os detalles e os riscos que comportaba a actuación» nunha zona ademais que está na traza do Camiño de Santiago entre Iria Flavia e Compostela. Lembra neste punto a importancia deste lugar como epicentro da lenda da Translatio, segundo a cal a raíña Lupa autorizou o paso por aquelas terras do corpo do Apóstolo.

De Llano renuncia ao premio porque estima que o Goberno galego «non adoptou medida correctora algunha» en canto que nestes días atrás «as máquinas comezaron a abrir en canal o monte». A súa decisión quere ser un chamamento a deter estas obras -«aínda están a tempo», clama- que ameazan «unha fermosa aldea sorprendentemente ben conservada e un castro que é un tesouro arqueolóxico aínda por explorar».