Hemingway-Gabriel García Márquez

CULTURA

Ernest Hemingway
Ernest Hemingway National Archives and Records Administration

30 dic 2023 . Actualizado a las 16:37 h.

Un día da primavera de 1957 o escritor colombiano Gabriel García Márquez cruzouse en París, no bulevar de Saint Michel, co gran novelista norteamericano Ernest Hemingway, e non puido evitar facer bucina coas dúas mans e, coma se fose Tarzán na selva, berrou: «¡¡¡Maestro!!!». Hemingway, que avanzaba pola outra beira da rúa, quedou sorprendido e limitouse a responderlle tamén en español: «Adiós, amigo». Nunca máis se volveron a ver, entre outras cousas porque o gran escritor norteamericano morreu en Estados Unidos catro anos despois, o 2 de xullo de 1961.

García Márquez era daquela un xornalista que traballaba para o diario colombiano El espectador, e aínda tardaría dez anos en escribir a súa magna obra titulada Cien años de soledad (1967), que pasaría a liderar o boom literario latinoamericano, con contemporáneos coma Julio Cortázar, Mario Vargas Llosa ou Carlos Fuentes, entre outros.

García Márquez recibiu o Premio Nobel de Literatura en 1982, alcanzando así ao propio Hemingway, que o obtivera en 1954 «pola súa mestría no arte de narrar» e pola influencia que exercera sobre «o estilo contemporáneo». Algo que acadaba tamén a uns escritores latinoamericanos que nunca se pararon a recoñecerlle o mérito, porque xa non enxalzaban —con xusto orgullo— case nada nacido fóra dos seus límites xeográficos, ateigados de escritores de primeira liña, nun boom tan inesperado coma prodixioso.

Non obstante, quizais foi Mario Vargas Llosa o que reivindicou con máis acerto «o novo estilo Hemingway», que visibilizara na novela Fiesta (titulada The Sun Also Rises, en inglés) e que influiu no conxunto dos creadores da chamada «xeración perdida», o que suxire unha ponte literaria entre algúns escritores norteamericanos (tamén John Dos Passos) e os grandes narradores de América Latina. Algo que estivera a recoñecer precozmente Gabriel García Márquez cando berrara «¡Maestro!» nada máis ver a Ernest Hemingway nunha rúa de París. Unha especie de confesión inequívoca e concluínte.