A min, coma outros tantos personaxes do pasado, o corso Bonaparte non me dá frío nin calor. Unha vez admitido que todo personaxe histórico é unha construción posterior, na que, a base de fans e detractores, as diferentes facianas da súa personalidade van sedimentando en estratos ao longo dos séculos, un ten moito gañado e sitúase a salvo de diatribas inútiles.
Que o fillo dun carpinteiro galileo, decididamente axudado tempo despois polo emperador Constantino, arrastrou tras si a humanidade? Pois mire usté que ben. Que a Biblia non é máis ca un compendio de lendas hebreas e os evanxeos unha porción de hipérboles e fantasías de catro talibáns? Serán, non o discuto. Que Claudio non era gago nin coxo, e Calígula e Nerón eran, no fondo, dous rapaces ben agradables, cos que a historia se portou do peoriño? Concedo. Ora ben, se o prezado lector sostén todo o contrario, non serei eu quen llo discuta.
Pois con Napoleón pasa o mesmo. De certo que apostou por ingresar na eternidade e non por figurar na sección de rebaixas desa señora tan adusta que é a Historia (a maiúscula é miña). Que xente adiantada da época como Moratín, Goya ou Llorente apoiasen as ideas revolucionarias dos gavachos era talvez o contrapunto para a estulticia dun pobo afeito a transformar todos os grandes conceptos nun conto de beatas costureiras e que, nesa liña, titulou Pepe Botella ao irmán do emperador, que vulgaridade.
Como ocorre con todos os seres de carne e óso convertidos en mitos, a posteridade tende a crer que Traxano, Tamerlán ou Hitler non facían caca nin pis e que botaban o día pensando en invadir, matar e conquistar. Apostaron, e gañaron ou perderon, pois o imperialismo é o malo que ten: que llo digan a Bonaparte, quen, tras deleitarse co mel do triunfo e os loureiros da gloria, rematou os seus días gozando do máis exquisito ostracismo nun illote a 1.800 quilómetros do litoral máis próximo.
Ridley Scott meteu máis de douscentos millóns de dólares nunha superprodución que, unha vez máis, leva a Napoleón ás pantallas. A extraordinaria interpretación de Joaquin Phoenix ofrece unha paleta de cores para todos os gustos: ousado, brutal, valente, intolerante, tímido, groseiro, vaidoso, sensible, romántico… Como case sempre, o cine non salda contas coa historia nin o pretende. Co permiso de l'empereur aló onde more o seu espírito, o obxectivo de Scott é retornar cen por cada dólar investido. A historia, sire, é outro cantar.