O 28 de decembro, a entón alcaldesa de Pamplona, Cristina Ibarrola, no discurso de despedida do seu cargo, proferiu unha expresión que non tardará en figurar nos tratados de sociolingüística: «Prefiero fregar escaleras...». Aconteceu no consistorio na sesión na que quen exercera como rexedora municipal varios anos fora cesada, cunha moción de censura, por unha coalición de partidos, entre eles o PSOE e Bildu, formación que se fixo finalmente coa alcaldía. A señora Ibarrola explicou, con enerxía, naquela sesión, que ela nunca pactaría, por razóns éticas, por dignidade, cunha marca política herdeira de ETA e que nunca criticou abertamente a banda terrorista.
Non sei se a señora Ibarrola naceu en berce dourado ou nun fogar navideño de pallas, no que si naceu unha vella amiga miña do Ribeiro, a señora Lola Formoso, quen, nos anos sesenta e setenta, emigrante, fregou moitas escaleiras en Bilbao e nunca perdeu a dignidade: perdeu parte da saúde e perdeu moitas horas de diversión para xuntar uns aforriños e ter unha vellez pasadeira. Viña á aldea, pola festa do patrón, coa súa dignidade intacta.
Se vivise hoxe a señora Lola quedaría abraiada ante quen ela non podería chamar señora Cristina (si señora Ibarrola), e quedaría abraiada porque, para a Internacional das Lolas intelixentes do mundo, fregar escaleiras (nas casas das señoras Ibarrola) non é unha degradación moral, é a consecuencia, case mecánica, dunha situación socioeconómica arrastrada desde o berce. Diría algo máis. Diría que dona Cristina Ibarrola concibe a sociedade de tal xeito que, para ela, exercer un oficio moi mal remunerado, ademais de ser duro e moi mal pago, constitúe unha vileza moral, un mester sen dignidade.
Ela, no seu inmenso sacrificio, non só é capaz de fregar escaleiras, senón de perder a dignidade con tal de non pactar con Bildu, que sería unha indignidade maior. Ela ofrece unha indignidade menor. Eu non sei se é difícil pactar con Bildu, que fala sen pistolas na Casa da Palabra, que é o Parlamento; si sei que non é doado pactar coa concepción señoriteira e agresiva da sociedade da que alardean as Ibarrolas do mundo enteiro.