Opróximo 17 de xaneiro fará 22 anos que morreu Camilo José Cela, que é o único galego que recibiu o Premio Nobel de Literatura. O silencio que ata agora segue a padecer a súa obra (porque segue a padecelo) ten algo de miserable desatención e de incomprensible desleixo ou abandono. Porque novelas como La familia de Pascual Duarte (1942), La colmena (1951), San Camilo 1936 (1969), Oficio de tinieblas (1973) ou Mazurca para dos muertos (1983) son obras que apuntan moi alto, cunhas tramas consistentes e literariamente ben logradas.
Por isto é de xustiza facer unha referencia da época que lle tocou vivir. Porque o novelista Cela mantivo unha longa e continuada confrontación literaria cos grandes escritores latinoamericanos, entre os que só tivo unha amizade profunda co entrañable mexicano Juan Rulfo. Pola contra, fronte a Gabriel García Márquez, Mario Vargas Llosa e a longa ringleira de autores do bum literario latinoamericano, sempre mantivo reticencias, por considerar que eran obxecto dunha excesiva mitificación literaria. En cambio, si que admiraba a un Ernest Hemingway lonxe do realismo máxico, co que se vira en Madrid. Porque Hemingway e el escribían dun xeito realista moi parecido. A Cela debémoslle tamén o que poderíamos chamar unha ponte literaria entre a xeración do 98 (Pío Baroja e Ramón María del Valle-Inclán, sobre todo) e as vangardas do século XX, transcendendo así o realismo pola vertente do tremendismo, a coralidade, o monólogo interior e o enigma formal. Algo que o sitúa por riba dos seus contemporáneos, que case nunca atinaron a competir con el.
Pero quizais o máis rechamante de Cela era o seu particular galeguismo, como me dixo a primeira vez que o entrevistei. Un galeguismo en castelán que tiña moito que ve coa súa necesidade de competir cos latinoamericanos do bum e sumar uns lectores ós que non podía chegar en galego. Por iso foi aprazado o seu desexo de facer unha gran obra na lingua da súa terra natal. Algo que ó cabo non sucedeu por mais que quixo intentalo, como lle explicaba ó seu íntimo amigo Manuel Martín Ferrand, daquela director xeral de Antena 3 TV e considerado «o periodista total».