O Consello da Cultura publica un informe que establece uns criterios para avanzar na investigación, catalogación e protección do patrimonio que deixou un fenómeno que «axudou a transformar Galicia»
23 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Marcharon alén de mar e ao seu regreso, deixaron Galicia batuxada dunha arquitectura a medio camiño entre a tradición que nunca deixaran de todo atrás e a modernidade que trouxeron con eles. Se cadra, é doado pensar nunha escola, ou nunha vivenda que leven o apelido indiano. Ou se cadra non é tan doado. O Consello da Cultura Galega vén de presentar un informe que pon os alicerces para mellorar a protección dun importante patrimonio (o que queda, porque outro moito foi derrubado co paso dos anos) que serve como testemuña dun fenómeno que «axudou a transformar Galicia», salientaba Rosario Álvarez.
Unha comisión temporal traballou nos aspectos históricos, arquitectónicos e xurídicos para avanzar na tipoloxía, catalogación e protección do legado indiano en Galicia, un grupo de traballo que, coordinado por Xosé Manuel Núñez Seixas, atopouse con que non era tan doado o que a primeira vista parecía sinxelo: definir que é a arquitectura indiana e que, malia que o parece, non o é.
«A arquitectura resultante das migracións de retorno, promovida na terra de partida polos emigrantes que ten un estilo orgánico que xurde da hibridación entre a arquitectura do lugar de orixe e retorno que está restrinxida a un ámbito cronolóxico de entre 1850 e 1950 e que recolle toda unha serie de características ou principios recoñecibles que son os necesarios para poder catalogala». Rebeca Blanco-Rotea puña voz á definición que se acadou durante os últimos 11 meses de traballo que establece unha serie de criterios: a hibridación da pedra galega con elementos que fornecían cor de diferente tipo, dende pintura até mosaicos ou azulexos; a incorporación de elementos de saneamento e hixiene importados de América como símbolo de modernidade; a hibridación de estilos que integra elementos propios importados propios de América con elementos característicos da arquitectura galega; o emprego dunha vexetación (palmeiras, araucarias, magnolias...) que lembra o lugar onde se emigrou e se fixo máis ou menos fortuna, e a súa construción en solo galego por parte de emigrantes retornados. Este último é un aspecto fundamental que deixa fóra por exemplo a Torre da Laxe, que malia a cumprir cos requisitos formais, foi financiada por un portugués que nun momento dado se estableceu no norte de Galicia.
Esa definición é básica non só para a catalogación necesaria do patrimonio indiano, senón tamén para a súa protección xurídica. Galicia é a única comunidade que conta cunha lei que fai referencia explícita ao patrimonio indiano, salientaba na presentación do informe Isabel Novo, membro da Asociación de Letrados da Xunta. E esa lei permite dar protección ás manifestacións que presenten as características do fenómeno indiano e que ademais o fagan de xeito notable.
O informe inclúe tamén o mobiliario realizado expresamente para ser disposto no interior e nos exteriores, a decoración interior, o deseño paisaxístico, especialmente a introdución ea vexetación que lembraba a América e a documentación escrita e gráfica do proceso construtivo, «imprescindibles para conservar a memoria deste importante fenómeno migratorio», subliñaba Blanco-Rotea.
A falta dunha definición exhaustiva ata o momento fai difícil cuantificar o número de construcións indianas. Existen algúns catálogos na zona norte de Galicia, como na Mariña lucense, e tamén no sur da comunidade, pero este informe supón un primeiro paso para avanzar na investigación do patrimonio indiano e na catalogación das manifestacións arquitectónicas para evitar que se perdan, como xa ten acontecido.
Unha vez derivado ás institucións competentes para a súa análise, o informe supón tamén un xeito de consensuar unhas características que permitan aos concellos (que teñen as competencias derivadas) para avanzar e actualizar a catalogación do patrimonio da emigración retornada entre 1850 e 1950.