47 espectáculos e máis de 350 profesionais compiten na 28.ª edición dos María Casares

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da gala dos María Casares do 2023.
Detalle da gala dos María Casares do 2023. Corsino

Comezan hoxe as votacións que decidirán os finalistas nas 16 categorías en xogo

23 ene 2024 . Actualizado a las 21:23 h.

A 28.ª edición dos premios María Casares rexistra a maior participación da historia dos galardóns, ao inscribírense 47 espectáculos e máis de 350 profesionais. A gala de entrega celebrarase o 21 de marzo no coruñés teatro Rosalía de Castro. Este récord nas inscricións acádase na segunda edición na que os galardóns incrementaron os seus apartados, xa que no 2023 as bases foron modificadas para ampliar o certame ao crear dúas novas categorías: dirección de movemento, e espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas. Na última década tan só se superou a cifra de corenta espectáculos participantes no 2017, ano no que concorreron 44 montaxes, e no 2015, que contou coa presentación de 43.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), colectivo sindical que organiza a cita dende a súa posta en marcha en 1997 coa colaboración tradicional de institucións e entidades como a Xunta, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación Aisge, a Fundación SGAE e Gadis, abre este mércores a primeira quenda de votacións. Dela sairá a relación de finalistas que optarán aos 16 galardóns que se poñen en xogo nos María Casares: espectáculo; espectáculo infantil; espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas; dirección; dirección de movemento; actriz protagonista; actor protagonista; actriz secundaria; actor secundario; texto orixinal; adaptación-tradución; espazo sonoro; espazo escénico; iluminación; maquillaxe, e vestiario.

Preto de 500 persoas pertencentes ao sector escénico están chamadas a emitir os seus votos de forma telemática a través da web da AAAG até o 9 de febreiro nesta primeira rolda. O censo está conformado polo corpo asociativo da propia AAAG, gañadoras e finalistas de edicións anteriores, responsables de programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, xornalistas culturais e outros perfís vencellados á escena. A relación de finalistas darase a coñecer na terceira semana de febreiro.