Vocabulario de Roás

CULTURA

Darío Xohán Cabana, lendo La Voz de Galicia na praza Maior de Lugo.
Darío Xohán Cabana, lendo La Voz de Galicia na praza Maior de Lugo. Óscar Cela

09 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Acaba de saír do prelo o volume 2 de Cumieira das Letras, revista do departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, dirixida por Alexandre Rodríguez Guerra e Ana Acuña Trabazo, profesores no campus de Pontevedra. Trátase dun número dedicado, enteiramente, á obra literaria de Darío Xohán Cabana (1952-2021). Nesta monografía abórdanse algúns aspectos da obra polifacética de Cabana, un dos escritores galegos máis ricos e valiosos dos últimos cincuenta anos: o tradutor (Alexandra Cabana Outeiro), o poeta (Manuel Forcadela), a materia de Bretaña na súa narrativa (María del Pilar Pitaluga), o Darío moi novo que traballou na editorial viguesa Castrelos (Xosé María Álvarez Cáccamo)... Atinan tamén os editores cando pensaron nunha tarefa aparentemente secundaria, á que se achega Patricia Arias Chachero no artigo Unha faceta ben coñecida de D. X. Cabana: o comprometido e culto autor de encrucillados. En efecto, Darío publicou durante 34 anos un encrucillado diario en La Voz de Galicia, ou sexa, moitos miles de crucigramas en lingua galega, proba do saber lingüístico e da militancia idiomática que tivo este escritor fóra da poesía, do relato e da tradución.

Algo sei das súas preocupacións filolóxicas e do seu compromiso co idioma, moi presentes xa naquel rapaz de dezaseis anos que foi alumno meu no Instituto de Lugo (1968-1969). Na revista, o meu artigo titúlase Textos e datos para achegármonos á prehistoria do poeta DXC, no que ofrezo poemas galegos, algúns inéditos, sobre Antonio Machado, Miguel Hernández, Lorca, Castelao... Desde moi novo, Darío esforzouse, como poucos, en coñecer as entrañas do idioma da Patria. Eu posúo, como un tesouro, un traballo seu, da adolescencia, sobre o seu falar natal: Vocabulario de Roás, Cospeito («Pra Don Xesús Alonso Montero, este pequeno traballo do seu alumno Darío Cabana Yáñez / Outono 1968»). O manuscrito inédito, pioneiro entre os dicionarios monolingües, no soporte dunha libreta de tapa dura, consta de 65 páxinas (cuns 600 vocábulos) e unha nota sociolingüística. Así se forxan os grandes creadores verbais.