Primeiro texto no que se menciona a condición sacerdotal do pai de Rosalía

CULTURA

Casa-Museo de Rosalía de Castro en A Matanza, Padrón.
Casa-Museo de Rosalía de Castro en A Matanza, Padrón. Xosé Castro

O catedrático aragonés Julio Cejador recólleo en 1918, e Lois Tobío Fernández trasládalle en 1923 a Fermín Bouza-Brey o nome de José Martínez Viojo

23 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nesta data, a do 187.º aniversario do nacemento de Rosalía, achego á erudición rosaliana un texto nunca citado (que eu saiba) sobre unha cuestión tan litixiosa coma delicada: a do pai da escritora, filla —como reza a partida bautismal— «de padres incógnitos». Sobre a nai, Teresa de Castro y Abadía, non hai máis ca certezas xa desde os anos infantís de Rosalía, pero, sobre o proxenitor, o silencio dos eruditos foi case centenario. Hai que chegar a 1923 para que Lois Tobío Fernández comunique a Fermín Bouza-Brey que o pai da escritora era o sacerdote José Martínez Viojo, información que comezou a aflorar nalgúns traballos, en termos pouco rotundos, unhas cinco décadas despois. Agora ben, bastantes anos antes, circulaba o ruxerruxe de que Rosalía de Castro era filla dun sacerdote, e mesmo existía a versión eufemística de que o pai da escritora era un seminarista. Esta versión xa aparece na moi consultada biografía de 1944 de Victoriano García Martí («fue seminarista») e nun coñecido artigo de Victoriano Taibo de 1957 («no más que seminarista»).

O presente artigo proponse dar noticia do texto no que se afirma, por primeira vez na historiografía rosaliana, de que a nosa escritora era filla dun sacerdote. Teño diante de min un traballo mecanoscrito de catro folios, en fase de borrador, co título Conocimiento del padre, que a investigadora Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda (1961-2018) deixou inédito. Transcribe nel 17 textos ad hoc que van de 1918 a 1997, textos que, sen dúbida ningunha, pensaba ampliar e anotar. É de xustiza que reproduzamos o primeiro deles, de 1918, que contén, como xa dixemos, a primeira mención á índole sacerdotal do pai de Rosalía de Castro.

Tamén sorprenderá a condición non galega do autor, o aragonés Julio Cejador y Frauca (Zaragoza, 1864-Madrid, 1927), catedrático de Latín na Universidade Central e polígrafo fecundo. Como filólogo, non só foi un latinista, senón tamén un estudoso do éuscaro, que consideraba a lingua nai das indoeuropeas, teoría xa moi contestada na época. Xesuíta co que polemizou o mesmísimo Ortega y Gasset, dedicou boa parte dos seus épicos esforzos eruditos aos estudos literarios, capítulo no que cómpre citar a súa obra, en catorce volumes, Historia de la Lengua y Literatura castellana (Madrid, Tip. de la Revista de Archivos, Bibliotecas y Museos), da que fixo unha edición facsimilar, hai anos, a editorial Gredos. É de doada consulta, pois

Rosalía retratada por Luis Sellier, a finais dos anos 70 do século XIX.
Rosalía retratada por Luis Sellier, a finais dos anos 70 do século XIX. RAG

No oitavo tomo, de 1918, na páxina 180, escribe este autor: «Para la historia no hay secretos, y el del nacimiento de Rosalía explica las dificultades por algunos halladas para dar con su fe de bautismo y, sobre todo, las penas íntimas y vida retirada de la poetisa, cosas que se transparentan harto en su vida y en sus versos. El padre de Rosalía fue sacerdote: la historia no ve ningún desdoro en ello».

A primeira mención, pois, non é ambigua nin imprecisa, é rotunda («fue sacerdote»), fosen cales fosen as súas fontes de información. Pero hai máis: o autor, sacerdote el tamén, déixanos, laconicamente, esta consideración: «La historia no ve ningún desdoro en ello».

No traballo citado de Álvarez recóllense unhas palabras de Eduardo Blanco-Amor que constitúen, hoxe por hoxe, o segundo texto claro alusivo á condición sacerdotal do proxenitor da escritora: «Según referencias orales que he recogido en mi último viaje a Galicia [1935], hay un misterioso sacerdote en este asunto que pasa como una sombra sobre los propios orígenes de Rosalía».

Figuran estas palabras, de tan deliberada imprecisión, no prólogo que escribiu para a antoloxía Poemas galegos, editada en Buenos Aires no ano 1939 pola Federación de Sociedades Gallegas (páxina 7). Quizais a súa fonte oral foi Fermín Bouza-Brey, a quen Tobío, en 1923, confiara datos biográficos que apuntaban ao propio José Martínez Viojo.

Un diario doméstico de 1885

En realidade, existe un documento do 16 de xullo de 1885 (un día despois do falecemento de Rosalía!) no que se afirma que o pai da escritora era, concretamente, «un capellán llamado D. José Martínez». Tal documento, unha especie de diario doméstico escrito polo farmacéutico padronés Ángel Baltar Varela (1827-1894), amigo da familia de Rosalía, foi exhumado e comentado pola propia Victoria Álvarez nun artigo do ano 2011 publicado no número 4 da Revista de Estudos Rosalianos («16 de xullo de 1885: primeira mención do capelán José Martínez como pai de Rosalía de Castro»). Así pois, esta noticia fíxose pública 126 anos despois do pasamento da escritora. Por iso non figura no mecanoscrito inédito da investigadora.

Hoxe por hoxe, a primeira mención pública referida á condición sacerdotal do pai de Rosalía, a de Cejador de 1918, é a que consigna o traballo inédito de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Sirvan estas liñas como homenaxe a quen tanto investigou sobre a vida e a obra de Rosalía, como saben ben incluso os que só coñecen as súas páxinas éditas, que son moitas.