Os irmáns María do Cebreiro e Abe Rábade mesturan versos e música para festexar o Día da Poesía
CULTURA
A escritora e o pianista inauguraron coa súa proposta unha nova edición do festival Alguén que Respira!, que durante tres días enche as horas compostelás de necesaria arte lírica co conflito bélico como eixo temático
22 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Era un dos grandes atractivos do festival santiagués Alguén que Respira!, que comezaba este xoves. Os irmáns María do Cebreiro e Abe Rábade xuntaban os seus abondosos talentos para festexar o Día da Poesía. Foi, de feito, o recital co que se inaugurou no teatro Principal este encontro compostelán —xa unha cita clásica no calendario cultural galego—, cunha proposta que mestura versos e música sobre o libro A lentitude (Chan da Pólvora), obra da poeta —como o pianista— filla dos escritores lugueses Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade Paredes, familia de artistas. Pouco antes Alfonso Armada leu o manifesto desde o balcón do teatro municipal compostelán. Xa de mañá o xornalista vigués participara nun café-faladoiro coa poeta e periodista Carmen Villar Alonso. Alguén que Respira! continuará venres e sábado enchendo as horas de necesaria poesía co conflito bélico como eixo temático.