Na tradición

CULTURA

Emilio do Pando, nun concerto en Lugo de Luar na Lubre.
Emilio do Pando, nun concerto en Lugo de Luar na Lubre. Óscar Cela

26 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai moito tiven a honra de participar na presentación dun libro disco no que se afonda sobre a vida do señor Herminio Villaverde, alcumado popularmente como O Cazote da Fonfría. Un persoeiro singular que viviu na aldea da Fonfría, na parroquia fonsagradina do mesmo nome, e que foi un dos grandes tocadores dun pequeno e orixinal instrumento chamado birimbao ou, como din pola zona, trompa galega. Javier María López Rodríguez foi o estudoso investigador que se ocupou de elaborar este minucioso traballo de busca e exploración desta figura tan sobranceira como descoñecida da nosa tradición oral. Tiven a sorte de coñecer a Herminio a finais dos 80 grazas a outro dos grandes da nosa oralidade como foi o señor Emilio do Pando, outro persoeiro que considero excepcional e co que tiven un trato case que familiar. El foi unha das grandes pontes de enlace entre a tradición oral musical da comarca da Fonsagrada con moita outra xente que traballaba no eido das recolleitas etnográficas. Pando, na condición de veciño apreciado e respectado, abriume a porta de moitas casas onde tiven a oportunidade de descubrir, escoitar, convivir e ás veces gravar e anotar músicas e informacións que son xoias da oralidade.

Esta información que eles herdaron dos seus antergos chegou ate nós, e o noso compromiso debería ser recompilala e transmitírllela ás xeracións vindeiras. Foi por iso polo que, como testemuña, participei na presentación dese libro onde contei algunha das miñas vivencias con Herminio. Nestas ocasións actívase a inquedanza sobre a importancia de que non morran semellantes tesouros e nesa reflexión somos conscientes da irreversible perda incesante. Traballos sobre a nosa oralidade en xeral son vitais para pervivir como pobo. Persoalmente, e polo que me toca, incido nos relacionados coa parte da nosa tradición musical. Na actualidade hai investigadores e algunhas editoras que traballan moi seriamente nestes vieiros mais cómpre que todo o que se refire á recuperación colla un camiño máis estable e incluso oficializado para que mañá non sexa demasiado tarde e estas xoias non esmorezan en arquivos privados. Neste senso, compartir e divulgar é fundamental para a súa conservación.