Mención especial no certame do Museo do Pobo Galego para a película serbia «Flotacija», de Eluned Zoe Aiano e Alesandra Tatic
25 mar 2024 . Actualizado a las 20:56 h.Taxibol e Habitar acadaron os premios aos mellores filmes da 19.ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE). Dirixido polo realizador italiano Tommaso Santambrogio, Taxibol obtivo a distinción na categoría internacional, que o autor agradeceu a través dun vídeo no que expresou o seu orgullo e a súa felicidade por facerse co recoñecemento dun «festival de cinema etnográfico que se enfoca tanto sobre a postura antropolóxica no cinema». O xurado enxalzou un traballo que, di, é unha «proposta impactante e esteticamente portentosa, que explora os límites entre a ficción e a non ficción» e que establece unha contraposición «entre un diálogo íntimo, que transcende as barreiras lingüísticas e culturais, e o retrato sutil de relacións cotiás nas que persisten a violencia, o pasado colonial e dinámicas de poder». Entregou o premio, dotado con 1.000 euros, Concha Losada, presidenta do padroado do museo, nunha gala celebrada no seu auditorio e conducida pola actriz e creadora Carlota Mosquera.
O premio MICE ao mellor filme galego foi para Habitar, unha curta de Anxos Fazáns que o xurado describiu como «creativa e luminosa», e que, mediante unha narrativa non convencional, «ofrece unha perspectiva lúcida e contribúe á visibilidade das experiencias de persoas transxénero e non binarias». Entregou o galardón, dotado con 800 euros, Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago. A cineasta agradeceu o premio e apuntou o seu desexo dun sector audiovisual galego «libre e diverso», e a necesidade de «seguir construíndo eses espazos abertos de oportunidades para todas as persoas».
O xurado, integrado por Catherine Barbour, xefa do Departamento de Estudos Hispánicos de Trinity College de Dublín; Adriana Páramo, cineasta e fundadora do Galician Film Forum en Londres; e Eloy Domínguez Serén, cineasta, outorgou unha mención especial á cinta serbia Flotacija, de Eluned Zoe Aiano e Alesandra Tatic. Un filme que, segundo o xurado, «nos fai convivir de maneira próxima, empática e respectuosa cunha familia mineira en loita», e que conxuga no mesmo retrato «as complexidades dunha comunidade serbia minoritaria, a masculinidade e as relacións interxeracionais».
O premio á excelencia antropolóxica recaeu en El signo vacío, obra de Kathryn Ramey. O premio CREA foi para o filme A revolución (é) probable, de María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas. E o premio do público distinguiu a película 12 de maio de 1937, de Mar Caldas.