Volve a oralidade de Xabier Docampo

CULTURA

Docampo, no Couto, Ponteceso, nunha imaxe tomada no 2011.
Docampo, no Couto, Ponteceso, nunha imaxe tomada no 2011. José Manuel Casal

Varios colectivos promoven unha homenaxe ao escritor, anual e itinerante por Galicia; este venres 5 de abril celebrase a primeira entrega

05 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Polavila Docampo. Así se chama a iniciativa para manter viva a voz de Xabier Puente Docampo (Rábade, 1946-A Coruña, 2018). «É unha homenaxe pública e itinerante ao mestre e escritor Xabier Docampo, que terá lugar cada ano nunha provincia e cidade distintas, o 5 de abril, coincidindo coa data do seu nacemento», explica Martin Pawley, un dos impulsores da iniciativa e amigo persoal do autor do libro de contos Cando petan na porta pola noite (Xerais).

A oralidade, na que Docampo era un mestre, será a cerna das actividades. O Fórum Metropolitano da Coruña acolle este venres o primeiro encontro, presentado por Paula Carballeira, Lois Pérez e Isabel Risco. Asistirán os compoñentes da chamada xeración Lamote: Paco Martín, Fina Casalderrey e Xavier Senín, os tres, galardoados co Premio Nacional, condición que compartía o homenaxeado.

A recuperación da oralidade de Xabier Docampo xa empezou coa creación dun novo blog (https://polaviladocampo.blogspot.com/) no que se rescatan dous contos coa súa voz. Son A casa do porco bravo e Roxelio e a couza, publicados en 1991 en forma de libro con casete polo selo Xerais. A idea dos promotores desta homenaxe é ir recollendo contos, entrevistas e intervencións orais do escritor.

A primeira Polavila Docampo arrincará cunha exposición bibliográfica, unha sesión de contacontos para público familiar e coa lectura pública e continuada, desde as 19.00 horas, por parte de amizades do escritor, do seu libro Catro cartas (Anaya), unha reflexión sobre os libros como lugar de encontro e coa emoción da literatura compartida. Despois, ás 20.00 horas, escoitaranse os poemas de Mans (Everest) na voz de Daniel Puente Bello, ao que seguirán as dos poetas Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Antonio García Teijeiro e Antía Otero.

Amizades do escritor, como Francisco Xosé Fernández Naval, Irene Penas, Mercedes Queixas e Concha Blanco, farán lecturas dos seus textos. E Uxía porá música a unha gala que rematará cunha rolda de contos de medo de Lois Pérez, María da Pontragha, Antonio Reigosa e Paula Carballeira.

Ciclo de cine

«Ademais de mestre, escritor, contacontos e un incansábel promotor da lingua e a cultura galegas e da lectura, Xabier P. Docampo foi un gran cinéfilo, un deses que non sería quen de contar as horas que na súa vida pasou na escuridade dunha sala», escribe Martin Pawley na presentación do ciclo de cine que durante o mes de abril se desenvolverá no Fórum Metropolitano para lembrar ao escritor.

Anota Pawley que esa paixón cinéfila se fixo explícita na novela A nena do abrigo de astracán (Xerais), estruturada en sete capítulos con títulos de películas clásicas, «as sete que a nena protagonista ve nas sesións dos domingos e lle serven de refuxio e de aprendizaxe fronte ás miserias e crueldades da Galiza da posguerra».

Abre o ciclo hoxe mesmo o filme A cinta branca, de Michael Haneke, «obra que tanto lle gustaba e que, no seu estudo das raíces do mal, conecta ben coa que foi a súa novela derradeira».

«Unha certa acracia»

Seguirá o día 11 de abril O novato, de Rudi Rosenberg, que «nunha fermosa recensión», salienta Pawley, Docampo defendeu como «un canto a todos aqueles que, por enriba da taxonomía social que atribúe posicións preasignadas no grupo, se recoñecen na súa singularidade e fan dela un camiño de vida, un vieiro cara á felicidade persoal, que ten moito que ver cunha certa acracia que debía ser predicada como xeito de vida nos centros escolares».

Admirador como era de Nanni Moretti, «é indubidábel o moito que lle gustara a exultante O sol do futuro, e, máis aínda, o seu colofón, a revolución da esperanza en forma de desfile festivo. A xeito de peche, Onde está a casa do meu amigo?, de Abbas Kiarostami, unha obra maior dun cineasta, tamén para Xabier, de referencia». Estas películas proxectaranse os días 18 e 25 deste mes.

Polavila Docampo está organizada pola Biblioteca Municipal Fórum Metropolitano [Concello da Coruña] e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, coa colaboración da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

O vindeiro ano, a gala Polavila Docampo trasladarase a Lugo, para seguir dando voz a quen explicaba: «Fíxenme escritor porque teño memoria de min e dos meus, porque habito a lingua e a infancia, as dúas patrias do ser humano»; e, cando lle preguntaban polas súas lembranzas, botaba a falar e non paraba... A oralidade de Docampo. Sempre.