Iria Ares: «Os artistas temos a obriga de poñer textos polémicos en escena»
CULTURA
Xunto a Xoán Carlos Mejuto traen aos teatros galegos «1888 Señorita Xulia»
09 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Hai dous anos que 1888 Señorita Xulia tivo a súa estrea en Arteixo. Días despois viaxou a Madrid a unha pequena sala, OffLatina. De aí ascendeu ao Teatro Lara, xirou a nivel nacional e agora chega de volta a Galicia cun amplo tour. «A montaxe e as nosas interpretacións están mellor que nunca», asegura Iria Ares, a actriz que, xunto a Xoán Carlos Mejuto, interpreta esta visión contemporánea da peza de August Strindberg. Poderase ver o 13 de abril en Pontevedra, no Auditorio Afundación; o 19 de abril, Santiago, Teatro Principal; o 4 de maio Ourense, Auditorio Municipal; o 17 de maio, Vigo, Teatro García Barbón, co gallo do Día das Letras Galegas; e o 8 de xuño, A Coruña, Teatro Rosalía de Castro.
A obra escribiuse no ano que indica o título. «Quixemos reflectilo na nosa versión para que o público notase que, sendo un texto desa data, é tremendamente actual. Unha obra que podería escribirse hoxe mesmo», insiste Ares, que subliña o carácter convulso dunha peza que fala da emancipación feminina, expón a loita de clases e contén una notable carga sexual: «Nós sempre pretendemos achegar á xente os grandes textos e os grandes textos son atemporais. O noso labor é achegar á xente textos que poidan cambiar a vida da xente». «A xente vai a ver aquí unha das personaxes femininas máis importantes e fortes da historia», adianta a actriz. «Unha muller que loita polo que cre e pola súa idea da liberdade. No 2024, en plena actualidade do feminismo e a loita da muller, penso que é unha obra necesaria. Todas as mulleres deberían coñecer esta historia», insiste.
A peza foi moi polémica no seu momento polo seu descarnado realismo e os temas que tocaba. As cousas que aborda seguen xerando incomodidade e debates morais no patio de butacas. Situación que vai a favor de obra, na visión de Ares e Mejuto: «Penso que, máis que nunca, este é o momento do teatro para ser polémico —razoa ela—. Estamos na era do politicamente correcto, onde ninguén quere mollarse con nada. Como artistas, nós estamos absolutamente obrigados a poñer en escena textos polémicos e que falen de cousas que moita xente pensa pero ninguén se atreve a dicir».
«Estamos na época da autocensura e a falsa liberdade. O teatro ten que ser contestatario e tomar postura. Para consumir entretemento hai moita oferta en televisións e plataformas. O teatro ten que darlle outra cousa ao espectador», conclúe reivindicativa.